Mancomunidade de Terras de Pontevedra

  • terras de pontevedra 0000 arte rupestre
  • terras de pontevedra 0004 combarro
  • terras de pontevedra 0003 pontevedra casco vello
  • terras de pontevedra 0006 Capa 1
  • Sabías que Terras de Pontevedra presenta unha das concentracións de arte rupestre máis importantes de Europa? Descobre a arte dos que hai 5.000 anos habitaban estas terras de Campolameiro, a ponte Caldelas. E tras os petroglifos probarás unha das mellores empanadas de Galicia.
  • Propoñémosche percorrer as empedradas rúas de Combarro, xantar na beira do mar e despois visitar en Poio un dos Mosteiros máis emblemáticos de Galicia.
  • Descobre porqué Pontevedra e "boa vila", cidade de pedra e pontes. Percorre os seus museos, as súa prazas, as súas igrexas, a súa historia. Goza dunha experiencia gastronómica única sen saír da cidade.
  • Das espectaculares praias de Marín ao impresionante Mosteiro de Poio. Podes ir de lado a lado da Ría visitando a casa natal de Colón e dar conta dun xantar típico galego.
  • Inicio
  • Actividades
  • Natureza
  • Alameda e Xardíns de Vicenti

Alameda e Xardíns de Vicenti

Situados en pleno centro neurálxico de Pontevedra, na Gran Vía de Montero Ríos, dispóñense dúas das marabillas naturais máis importantes da vila do Lérez; a Alameda e os xardíns de Vicenti, dunha gran fermosura e testemuñas do devir da cidade desde o século XIX.

O territorio que ocupan ambos espazos naturais combina de xeito magnífico o seu carácter de espazo natural cos fermosos edificios administrativos que se erguen nestas áreas de descanso urbano. Estes terreos pertenceron á horta do convento de San Domingos, cuxas ruínas podemos utilizar como punto de partida na visita, e ao antigo campo da feira, hoxe transformado nos xardíns de Vicenti.
Son varios os edificios decimonónicos que se alzan nas súas inmediacións: o instituto Valle-Inclán, a Deputación Provincial e a antiga Delegación de Educación, ademais da Casa do Concello e a Subdelegación do Goberno, cos xardíns do Doutor Marescot, na praza de España.

A Alameda, que oficialmente leva o nome do arquitecto Sesmero -autor de gran parte dos edificios do entorno-, está coroada no seu extremo principal pola fonte e monumento dedicado aos heroes de Ponte Sampaio, colocado no primeiro centenario da batalla contra os franceses. O espazo continúa a través de amplas avenidas de terra, delimitadas por cinco filas de árbores, entre as que abundan os amaneiros, plataneiros e carballos, cos típicos asentos de pedra e quiosco da música de planta octogonal.

Nun nivel inferior, separada por varandas, sitúase a Gran Vía de Montero Ríos, á que se accede por tramos de escaleiras. As encantadoras e misteriosas ruínas de San Domingos (s. XIV) son o punto de inicio deste bulevar empedrado, de reforma moderna. As ruínas de San Domingos, das que só se conserva a cabeceira gótica con cinco capelas absidais e un muro con rosetón, acollen varios restos arqueolóxicos, entre eles un miliario romano recentemente achado durante as obras de remodelación da praza de Valentín García Escudero, á beira do río Lérez, fronte á ponte do Burgo.

Ao longo deste paseo dispóñense tres edificios administrativos: o instituto Valle-Inclán, a Deputación Provincial e a antiga Delegación de Educación. Entre o instituto e a deputación sitúanse os xardíns de Colón, onde atopamos belos arranxos florais, cunha marabillosa rosaleda e as belas camelias que tan ben se dan na zona e tanta sona teñen.

A continuación sucédense outros espazos de igual beleza, onde se cruzan un paseo de elevadas palmeiras e outro de magnolias, que dan lugar aos xardíns de Vicenti. Neste mesmo emprazamento atopamos varios cedros do Líbano, teixos e acivros da Umbria, lugar onde se sitúa o monumento a Valle-Inclán e o dedicado á memoria dos grandes mariños vinculados á cidade, que van desde Paio Gómez Chariño até Méndez Núñez. Por último sucédese unha zona de xogos infantís. Logo do paseo, o visitante pode tomar un refrixerio na cafetería situada fronte aos xardíns Vicenti, ou ben saír do recinto en dirección á zona vella de Pontevedra e parar nunha das cafeterías que se dispoñen na rúa Riestra ou en Gutiérrez Mellado, tamén coa compañía das palmeiras.

Logo de Terras de Pontevedra GaliciaLogo de la Xunta de Galicia Logo de la Unión Europea