skip to Main Content

Arquitectura Popular

A arquitectura popular das Terras de Pontevedra vén marcada por un pobo traballador, ligado á terra e ao mar, profundamente influenciado pola relixión e a superstición. Xorden así, xunto á casa tradicional galega, os hórreos como lugares de almacenamento das provisións; os muíños, lugares para moer o gran; os cruceiros, a medio camiño entre a relixión e a superstición; e outro tipo de construcións, como as fontes e os petos de ánimas.

Común a todos estes elementos é o uso da pedra local como material básico. Desde as vivendas máis humildes até as edificacións da fidalguía (estas últimas en boa cantería) utilizaban este material, que aínda segue a ser o máis popular. Tamén os muíños, os cruceiros, as fontes e os petos de ánimas, están elaborados neste material.

O legado arquitectónico popular nas Terras de Pontevedra é moi amplo e rico. Unha boa antesala desta riqueza son os conxuntos histórico-artísticos de Combarro e Pontevedra.

Pero se por algo destacan as Terras de Pontevedra é pola profunda pegada que deixaron as antigas civilizacións a través dos seus gravados rupestres, mámoas e restos megalíticos en xeral. Todos os municipios dispoñen de restos rupestres, sendo a zona de Galicia onde maior concentración se produce destes achados.

Back To Top