O concello de Cotobade alberga numerosos gravados rupestres. Os máis significativos están localizados na parroquia de San Xurxo de Sacos, sendo especialmente importante o Conxunto de Gravados rupestres de Fentáns, que acolle preto de 300 gravados. Tres rochas destacan sobre o resto: a Pedra das Ferraduras, a Laxe dos Cebros e o Couto do Rapadoiro.
A Pedra das Ferraduras
Na parte superior desa rocha represéntase un dos mellores exemplos de pegadas de cérvidos e bóvidos que se conservan, que parecen camiñar deica unha combinación de círculos concéntricos. A parte sur está dominada por unha escena de caza ou acoso, constituída por sete figuras antropomorfas reducidas á mínima expresión que portan armas e rodean aos cervos. A rocha contempla ademais tres deseños dos denominados ídolos-cilindros.
Laxe dos Cebros
Sobresae polo seu deseño labiríntico con grande cazoleta central. Arredor deste deseño dispóñense varios cérvidos e combinacións circulares, coa peculiaridade de que todas as figuras están unidas entre si en maior ou menor medida.
Couto do Rapadoiro
Localizado nunha pequena rocha, nel aprécianse catro combinacións circulares. Na parte inferior distínguese o que podería ser un ídolo, unha combinación circular e un cérvido acompañado dunha figura humana que semella ferilo. Na parte dereita está representado outro cérvido. Cronoloxicamente atribúese á etapa de transición do III ao II milenio a. de C.