Situados no monte da parroquia de Portela, no lugar de A Costa e paraxe de Castro Loureiro, a unha altitude de 227 metros, os Petroglifos de Castro Loureiro forman un conxunto de varias laxes dun afloramento granítico no que se atopan gravados polo menos en catro delas. Unha quinta laxe, situada entre as dúas primeiras con gravados, ten un orixinal burato resultado da erosión.
Os gravados sobre as dúas primeiras laxes foron descubertas no ano 2003 (laxe nº 1 e a laxe nº 2), e estudadas Xesus Rodríguez. No ano 2004 despois da realización dunha corta de madeira por encargo da Xunta de Montes da A Portela descóbrense por Iago Rodríguez Vázquez, outras dúas laxes -laxes nº 3 e a laxe nº 4 -que se sitúan a continuación das descubertas no ano 2003.
A contorna constitúe un conxunto con un alto valor ambiental, paisaxístico e simbólico dende onde se visualizan outros outeiros significativos dos montes de Perdecanai, A Portela e Agudelo.
Descrición Técnica
Laxe nº 1: De forma alongada e abombada ten unhas dimensións aproximadas de 4 m. de largo por 1,80 m. de ancho. Apreciase que foi recortada por un lateral Os motivos son tres combinacións circulares. A máis grande, de 30 cm de diámetro, situada no centro aproveitando a parte máis alta da pedra, ten unha cazoleta central con tres círculos concéntricos e diferentes apéndices radiais que conectan ditos círculos coas outras combinacións circulares A máis sinxela, con 13 cm de diámetro, ten dous círculos concéntricos mentres que o seguinte motivo, de 20 cm. de diámetro, presenta unha pequena cazoleta central con dous círculos concéntricos e apéndice radial a partir da cazoleta.
Laxe nº 2: Moi alterada polas incisións feitas para fendela que eliminaron parte da capa superficial da mesma, situada a un par de metros ó leste da anterior, atópanse outras tres combinacións circulares de aproximadamente 25 cm de diámetro. Trátase de círculos concéntricos con apéndices radiais a partir dun punto central; nun caso presenta cazoleta. Os intentos de partila feitos polos pedreiros seccionaron dous dos gravados. Apréciase unha porción do que poidera ser un circulo de outro motivo eliminado.
Laxe nº 3: Situada o sur da laxe nº 2 ten forma alongada e rectangular nunha posición inclinada con pedras laterais mais pequenas e unha incisión no tramo mais baixo, coa superficie moi erosionada que dificulta o resalte dos gravados, a pesar de todo distinguense varios motivos circulares moi erosionados dos que destaca un no que se aprecian tres círculos concéntricos e unha incisión que podería se unha cazoleta.
Laxe nº 4: Situada a escasos centímetros baixando e a continuación da laxe 3, tratase da laxe con maior variedade de motivos, de forma ovalada, lixeiramente abombada e inclinada con concentración de motivos na parte central e na parte mais baixa, destaca unha gran cazoleta con saída sobre un motivo de círculos concéntricos e puntos situado na parte mais central da laxe, outros motivos de menor tamaño con círculos e puntos completan os gravados na parte mais baixa da laxe. Dous motivos circulares sitúanse o sur da cazoleta, un deles con catro círculos concéntricos unido mediante un trazo lineal a outro motivo circular con puntos. Outros dous motivos circulares un deles con dous círculos concéntricos e outro con puntos sitúanse na parte oposta.