A paisaxe de Terras de Pontevedra, cos seus preto de cincuenta quilómetros de costa, atópase salpicada por unha multitude de praias de características moi variadas, desde as pequenas e estreitas calas de Vilaboa na Ría de Vigo, ata os máis extensos areais de Marín e Poio que abrazan á ría de Pontevedra. Algunhas delas posúen un marcado carácter urbano, con todo, a maioría delas, máis agrestes e un tanto afastadas dos núcleos poboacionais, ofrecen ao visitante toda unha serie de recursos naturais relacionados coa sús propia biodiversidade que as fan verdadeiramente únicas.
Os areais bañados polas augas da ría de Vigo, como poden ser as praias de Deilán ou Pousadana Enseada de San Simón, son lugares privilexiados para gozar dos valores ornitolóxicos, representados por unha gran variedade de anátidas, gaivotas, e limícolas fundamentalmente, sobre todo na invernada de outono-inverno.
Se hai sorte, quizais o visitante poida gozar ademais da contemplación de diferentes especies de mamíferos mariños que sucan estas augas ná procura de alimento.
Doutra banda, nas praias da ría de Pontevedra, como Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, O Santo, A Coviña e Lapamán en Marín, ou Lourido, Cabeceira, Chancelas, Ouriceira, Caeiro e Laño en Poio, ademais de golfiños, gaivotas e limícolas, non resulta complicado gozar á súa vez da rica biodiversidade que ofrecen por exemplo as charcas intermareais nos conxuntos de rochas que separan os areais ao longo de toda a liña costeira, lugares onde resulta sinxelo localizar unha gran variedade de crustáceos, moluscos, equinoideos, anemones, algas e diferentes especies de peixes de rocha.
Nos últimos dez anos, a poboación de gaivota patiamarela (Larus michahellis) viuse mermada en case un 70% en toda Galicia por motivos aínda descoñecidos, o que pode levar a esta especie a unha verdadeira situación de ameaza.
A época de cría desta especie adoita coincidir co inicio da primavera, as femias incuban os ovos (2 ou 3) durante aproximadamente un mes, momento no que nacen os pitos que se independizarán finalmente ao cabo duns dous meses.
Os pequenos illotes, como pode ser o con do Chirleu nas proximidades da praia de Aguete, son lugares aproveitados por moitas aves mariñas para descansar con seguridade sen verse molestadas pola acción humana ou polos depredadores. Na imaxe pódese apreciar un bo número de corvos mariños grandes e de gaivotas patiamarelas.
A gran riqueza biolóxica que albergan as augas das rías galegas son o principal motivo polo cal, tras Escocia, Galicia albergue a segunda poboación máis numerosa de golfiños de todo o continente europeo.
Os golfiños comúns, a diferenza dos arroaces, adoitan nadar máis afastados da costa, polo que os avistamentos desde os areais costeiros son moito menos numerosos.
Os arroaces adoitan vivir en familias de pouco máis de dez exemplares, porén, dentro da ría de Pontevedra chegáronse a localizar grupos que superaban con moito a centena.
Trátase da especie máis abundante nas rías de Pontevedra e Vigo, cunha poboación estimada de máis de medio milleiro de individuos, sendo a época estival a máis propicia para gozar da súa presenza nas augas cercanas ás praias de Terras de Pontevedra.
Son varias as especies de gaivota que podemos atopar nas praias e costa de Terras de Pontevedra, entre elas, a gaivota patiamarela (Larus michahellis),
a gaivota chorona, a gaivota escura (Larus fuscus) ou a máis grande das que se poden observar na Península Ibérica, o gaivotón.
Tamén son habituais os corvos mariños grandes, que oderemos observar mergullándose na auga na procura de alimento ou secando as súas ás sobre algún pousadoiro ou na propia beira da praia, sobre a campactada area mollada.
Ademais das limícolas e gaivotas, as praias e costa de Vilaboa, na ría de Vigo,
son excelentes lugares para gozar da contemplación dunha gran variedade de
parrulos, entre eles, o pato rabilongo (Anas acuta), o cullerete (Anas clypeata), o lavanco (Anas platyrhynchos) ou o pato frisado (Mareca strepera). Un bo momento para iso é sen dúbida a época de invernada, desde entrado o outono ata finais do inverno.
As praias máis recollidas de Terras de Pontevedra, aquelas situadas nas enseadas das rías de Pontevedra e Vigo, son as que ofrecen as maiores posibilidades para a observación de aves limícolas de gran tamaño, como poden ser os mazaricos e garzas reais ou as sempre elegantes garzotas.
Outras aves que tamén se achegan ás praias e costas de Terras de Pontevedra na procúra de alimento son o martín peixeiro (Alcedo atthis) e a lavandeira branca (Motacilla alba).
O martín peixeiro adoita ter unha serie de posadoiros predilectos desde onde vixía as augas na procura das súas presas, as que atrapa lanzándose en picado e colléndoas co seu afiado e potente pico.
A lavandeira branca aliméntase en solitario ou en grupos de moi poucos individuos, nas praias non é extrano velas picoteando pola area.
As charcas que se forman nas rochas ou na propia area coa baixada da marea atópanse cheas de vida, e nelas non resulta complicado localizar unha gran variedade de algas, moluscos, crustáceos e pequenos peixes de rocha que farán as delicias dos máis pequenos cando descubran a fantástica biodiversidade que poden chegar a albergar, en apenas uns poucos metros cadrados de superficie, estes pequenos ecosistemas.
Compartindo espazo cos camaróns, moluscos e algas, moitas veces atópanse os ourizos de mar, equinodermos cuxas púas poden chegar a alcanzar o diámetro do seu propio caparazón, como no caso da especie da fotografía, tomada na praia de Loira, en Marín.
Entre as moitas especies que habitan nas charcas intermareais que se forman nos conxuntos rochosos que quedan ao descuberto coa baixada da marea atópanse os camaróns, pequenos crustáceos omnívoros que se alimentan de algas, plancto e mesmo de pequenos peixes.
Os apegóns son capaces de sobrevivir fora da auga grazas á súa capacidade para retraer os seus múltiples tentáculos e pecharse con auga de mar no seu interior.
Son moitas as especies de algas que podemos atopar na zona intermareal das praias de Terras de Pontevedra, entre elas, e quizais das máis comúns son, de esquerda a dereita na foto superior esquerda, a leituga de mar (Ulva lactuca), a bifurcaria (Bifurcaria bifurcata), e a botelleira ou corbela (Fucus vesiculosus).
O montículo areoso da fotografía da esquerda está orixinado a partir das deposicións do verme anélido poliqueto Arenicola mariña, coñecido como cagón ou cagulo, unha especie moi prezada polos pescadores.
A zamburiña, a diferenza da volandeira (Chlamys opercularis), posúe unha única “orella” na cuncha.
Cara a parte superior das praias, xusto no extremo do cordón de area, e nos cantís, aparece todo un abano de plantas que souberon adaptarse ás duras condicións de salinidade, insolación e inestabilidade do substrato ocasionadas polos intensos ventos que se dan nestes lugares, así, atopámonos cunha vexetación de porte baixo, plantas cunha reducida superficie foliar, follas espiñentas, pilosas ou cubertas de ceras impermeables e que na maioría das ocasións, adoitan presentar cores claras.
Linaria polygalifolia é unha planta endémica que habita nas costas atlánticas tanto da Península Ibérica como de Francia, que florece entre os meses de marzo e setembro.
Cakile maritima posúe as súas follas engrosadas, o que lle permite almacenar reservorios de auga para a época estival na que diminúen drasticamente as precipitacións.
A subespécie procumbens da planta Iberis procumbens, é un endemismo ibérico típico das costas galega e portuguesa que florece entre os meses de marzo e xullo.
Algunhas das especies de plantas e insectos que se atopan nas dunas das praias de Terras de Pontevedra viven nunha interesante relación nutrinte-comensal. Así por exemplo, existen tres belas especies de bolboretas que durante a súa etapa alimenticia, cando aínda non se transformaron en insecto alado, aliméntanse exclusivamente dunha determinada especie de planta, a súa planta nutricia.
É por exemplo o caso do esfínxido Hyles euphorbiae, unha bolboreta que en estado larvario aliméntase exclusivamente das saborosas follas que lle brindan as Euphorbia paralias, e que ademais lle servirán como “arma defensiva” fronte aos seus depredadores, xa que a planta prové ás eirugas dunha serie de substancias tóxicas, que tal e como poñen de manifesto as rechamantes cores aposemáticas que estas locen, serven de advertencia a xeito de “semáforo de perigo” ante os predadores para evitaren ser comidas.
As eirugas da bolboreta diúrna Papilio machaon aliméntanse de fiuncho (Foeniculum vulgare) cara ao interior, mentres que preto da costa, nas dunas das praias, a súa planta nutricia preferida é o pirixel marítimo (Crithmum
maritimum), tamén coñecido como fiúncho marino.
En fase larvaria, esta eiruga loce tamén cores aposemáticas.
A eiruga do matacandís (Brithys crini) presenta, como no caso das dous anteriores, rechamantes cores aposemánticas como sinais de advertencia cara aos seus depredadores de que non é boa presa como manxar. O motivo, son unha serie de substancias tóxicas que lle transferiu a planta da que se alimentou durante toda a súa etada de crecemento larvario, a acebola de mar ou cebola das gaivotas, cuxo nome científico é Pancratium marítimum.
O caracolo que habita nas dunas, coñecido cientificamente co nome de Theba pisana, é un gasterópodo terreste de costumes gregarias, tamaño medio e cor marfil ou lixeiramente rosado, sobre cuxo fondo debúxanse unha serie de liñas raiadas ou punteadas en espiral.
Ainda que se trata dun ser vivo hermafrodita, precisa doutro individuo da súa especie para aparearse e dar lugar a descendencia. Este cosco emprega a mucosidade coa que pecha a abertura da súa cuncha para adherirse aos talos das plantas nas que é hóspede, o que lle permite reter certo grao de humidade nas condicións máis desfavorables.
Respecto das especies de porte arbóreo, a que mellor se adaptou aos chans areosos e aos cantís é o piñeiro marítimo (Pinus pinaster).
Se procuramos entre entre a ramaxe destas árbores, non será complicado localizar disferentes especies de paxaros como o paporroibo (Erithacus rubecula) ou mesmo algún córvido motivado pola abundancia de alimento na propia praia.