skip to Main Content

Festa da Ameixa de Campelo

Poucos saben que a lonxa do pequeno pobo de Campelo, en Poio, ostenta o liderado en canto a facturación en bivalvos das rías galegas. Toneladas de ameixa babosa, fina, rubia, babosa e bicuda extraídas da ría de Pontevedra pasan pola súa pequena lonxa e abastecen en fresco a toda España, e está claro, á súa festa máis representativa: a Festa da Ameixa de Campelo, que exalta a ameixa babosa, unha das especies máis saborosas das catro variantes que se recollen nas costas de Galicia.

A Festa da Ameixa é a festa gastronómica máis antiga que se celebra no Concello de Poio. Naceu no ano 1988 pola inquietude dos patróns mariñeiros da zona, coa intención de por en valor a súa ameixa e achegar este prezado bibalvo a todos os petos. Xuntos impulsaron a festa para a promoción tanto este molusco como a actividade mariñeira que produce a extracción do bivalvo.

O produto exaltado na festa é a ameixa babosa, unha das catro especies (fina, rubia, babosa e bicuda) que se presentan nas costas de Galicia, propia de profundidades intermedias, que se explota coa arte coñecida como vara. Esta especie, nos primeiros momentos da súa comercialización, empregouse para a conserva, se ben, actualmente úsase fresca e cociñada.

Durante as catro primeiras edicións, a organización da festa correu a cargo dos propios veciños, concretamente baixo a unión e o interese común da Asociación de Veciños de Campelo, das Confrarías de Pescadores, das depuradoras de moluscos e distintas entidades empresariais do Concello. A partires do ano 1992 é o propio Concello o encargado da organización dunha festa que celebrou neste 2015 a súa XXVIII edición.

O evento gastronómico celébrase na localidade de Campelo, na parroquia de San Xoán de Poio, tradicionalmente no mes de xullo (o segundo ou terceiro fin de semana), durante todo o fin de semana, os visitantes poden gozar das distintas actividades desenvolvidas na festa, onde destacan principalmente a degustación da ameixa preparada á mariñeira, con fabas e con fideos, o folclore tradicional e as actuacións musicais nocturnas.

Nos últimos anos multiplicou por catro a venda de produto, e o número de visitantes. Na edición de 2015, a pesares de realizarse no mes de setembro, máis de 20.000 persoas acudiron á XVIII edición desta festa gastronómica.

Back To Top