Terras de Pontevedra é interior e é costa, é terra e é mar. A Festa do Mar ten precisamente como obxectivo principal realzar o patrimonio marítimo de Galicia. Esta celebración é unha das máis senlleiras do municipio de Poio, e ten lugar no mes de agosto na vila mariñeira de Combarro, de sempre profundamente ligada ao mar.
A tradición mariñeira de Combarro vén de lonxe, séculos de historia patentes a través dun xeito de vida que, aínda que algo modificado, chega até os nosos días, e que se pode apreciar, entre outros aspectos, a través da rica gastronomía da zona, a base dos mellores produtos traídos do mar polos mariñeiros que coñecedores das artes de pesca, levan o mellor peixe a terra para o goce dos máis exquisitos padais.
Tradición, música e gastronomía forman parte desta festa tan atractiva tanto para as xentes locais como para os foráneos, que aproveitan para pasar un bo rato mentres coñecen os costumes locais á vez que proban as exquisiteces da ría de Pontevedra xunto aos magníficos viños galegos e outras excelencias gastronómicas da zona non menos apetecíbeis por non proceder do mar.
A feta ten distintos apartados. A Feira de Mostras Mare abrangue ademais varios stands promocionais intimamente relacionados co mar, o turismo, as artes de pesca, a artesanía…
No apartado musical, tradición e modernidade mestúranse nunha magnífica oferta que vai desde a música e bailes tradicionais ou vencellados ao mar como a Mostra da Canción Mariñeira ata espectáculos con artistas nacionais e internacionais.
Por último os Encontros de Embarcacións Tradicionais aportan a oferta etnográfico dunha festa feita desde e deica o mar. Dornas, bucetas ou galeóns, que non son doados de ver na actualidade, son recuperadas para tomar novamente as augas e realizar exhibicións de navegación tradicional a vela, que nos permiten lembrar na compaña dos mariñeiros máis lonxevos sensacións e experiencias case esquecidas.
Neste eido xoga un importante papel o Clube Mariño ‘A Reiboa’, asociación que traballa no desenvolvemento de actividades culturais e deportivas. A súa principal finalidade é precisamente a posta en valor da cultura marítima tradicional e do seu patrimonio etnográfico, a través da restauración, construcción e recuperación das distintas tipoloxías de embarcacións tradicionais que utilizaban os mariñeiros das nosas costas (galeóns, bucetas, dornas…).