skip to Main Content

Guía biodiversidade nas praias e costa

fig. 1 Zona intermareal rochosa na praia de Laño (Poio)

A paisaxe de Terras de Pontevedra, cos seus preto de cincuenta quilómetros de costa, atópase salpicada por unha multitude de praias de características moi variadas, desde as pequenas e estreitas calas de Vilaboa na Ría de Vigo, ata os máis extensos areais de Marín e Poio que abrazan á ría de Pontevedra. Algunhas delas posúen un marcado carácter urbano, con todo, a maioría delas, máis agrestes e un tanto afastadas dos núcleos poboacionais, ofrecen ao visitante toda nha serie de recursos naturais relacionados coa sús propia biodiversidade que as fan verdadeiramente únicas.

fig. 2 Cala Rochosa (Poio)

fig. 3 Praia do Santo (Marín)

fig. 4 Coas baixamares fórmanse charcas nas rochas

Baixamares Charcos

Os areais bañados polas augas da ría de Vigo, como poden ser as praias de Deilán ou Pousadana Enseada de San Simón, son lugares privilexiados para gozar dos valores ornitolóxicos, representados por unha gran variedade de anátidas, gaivotas, e limícolas fundamentalmente, sobre todo na invernada de outono-inverno. Se hai sorte, quizais o visitante poida gozar ademais da contemplación de diferentes especies de mamíferos mariños que sucan estas augas ná procura de alimento.

Doutra banda, nas praias da ría de Pontevedra, como Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, O Santo, A Coviña e Lapamán en Marín, ou Lourido, Cabeceira, Chancelas, Ouriceira, Caeiro e Laño en Poio, ademais de golfiños, gaivotas e limícolas, non resulta complicado gozar á súa vez da rica biodiversidade que ofrecen por exemplo as charcas intermareais nos conxuntos de rochas que separan os areais ao longo de toda a liña costeira, lugares onde resulta sinxelo localizar unha gran variedade de crustáceos, moluscos, equinoideos, anemones, algas e diferentes especies de peixes de rocha.

fig. 5 Parella de lavancos (Anas platyrhynchos)

fig. 6 Charca intermareal colonizada por algas e moluscos

fig. 7 Con do Chirleu (Aguete)

Con Chirleu

Os pequenos illotes, como pode ser o con do Chirleu nas proximidades da praia de Aguete, son lugares aproveitados por moitas aves mariñas para descansar con seguridade sen verse molestadas pola acción humana ou polos depredadores. Na imaxe pódese apreciar un bo número de corvos mariños grandes e de gaivotas patiamarelas.

Nos últimos dez anos, a poboación de gaivota patiamarela (Larus michahellis) viuse mermada en case un 70% en toda Galicia por motivos aínda descoñecidos, o que pode levar a esta especie a unha verdadeira situación de ameaza.

A época de cría desta especie adoita coincidir co inicio da primavera, as femias incuban os ovos (2 ou 3) durante aproximadamente un mes, momento no que nacen os pitos que se independizarán finalmente ao cabo duns dous meses.

fig. 8 Gaivota patiamarela

Back To Top