skip to Main Content

7 praias imprescindibles para desfrutar Terras de Pontevedra no verán

Praia de Mogor

Desfrutar do verán en Pontevedra tamén é sinónimo de sol e praia. Con 7 bandeiras azuis en menos de 30 minutos da cidade de Pontevedra e numerosas calas e praias salpicando a costa e o interior, o traxe de baño convértese nun imprescindible a engadir á nosa equipaxe.

Propoñémosvos unha ruta para descubrir algunhas das praias favoritas dos pontevedreses, en cada un dos concellos que conforman a mancomunidade Turística de Terras de Pontevedra:

1. Cabeceira, Poio

Arrincamos a nosa viaxe no concello de Poio para visitar unha praia resgardada e de area fina, rodeada dun pequeno piñeiral e cunha fermosa vista da ría de Pontevedra, dende a coñecida como Punta dos Galos.

A praia conta con chiringuito e socorristas durante os meses do verán, e atópase moi preto da praia de Lourido e do porto mariñeiro de Campelo, onde se celebra a famosa Festa da Ameixa de Campelo, a mediados de setembro.

Ónde: Cabeceira

Praia do Río Lérez

2. Pontevedra

Si, aínda que a maioría dos viaxeiros que visitan Pontevedra descoñecen este dato, a cidade conta coa súa praia, na beira do río Lérez. A praia fluvial do Lérez foi inaugurada fai 10 anos e, hoxe en día, tense convertido nun punto máis de ocio para os veciños e veciñas de Pontevedra, que se achegan ata aquí para desfrutar das tranquilas augas do río e practicar deportes como o kayak e o sendeirismo.

Ademais de esta praia, o concello conta con outras dúas grandes descoñecidas: a praia fluvial de Ponte Sampaio, nun bonito entorno á carón da histórica ponte, e da praia de Os Praceres, moi preto de Marín.

Ónde: Av. Buenos Aires 122, Pontevedra

3. Praia fluvial de Lodeiro, Campo Lameiro

A nosa seguinte parada é a praia da área recreativa de Lodeiro, onde conflúen o río Lérez e o río Maneses. Xunto coa praia, o merendeiro e a beleza natural do val do río, merece a pena destacar que este é o punto de partida dun importante sendeiro: a Rota dos Muíños do Río Maneses, PR-G 230, que transcorre ó carón de Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e outros interesantes puntos turísticos do concello.

A praia atópase, ademais, preto dos enigmáticos petróglifos de Fentáns e da rota de sendeirismo PR-G 113 Rota das Pontes do Lérez.

Ónde: Área Recreativa de Lodeiro

Area recreativa Pozo Negro

4. O Pozo Negro, Cerdedo-Cotobade

O concello de Cerdedo-Cotobade conta coa maior oferta de praias fluviais da comarca, con ata 5 espazos para os bañistas nos ríos Almofrei e Lérez. A de Pozo Negro, en Rebordelo, conta coa singularidade dunha pequena piscina para que os máis pequenos poidan desfrutar tamén das tranquilas e profundas augas do río Almofrei, ademais dunha tradicional carballeira con merendeiro.

Parte deste punto, o sendeiro PR-G S3 ou Roteiro das Buratas, que percorre ambas marxes do río Amofrei, entre muíños de auga e bosques de ribeira.

Ónde: Parroquia Rebordelo, Río Almofrei

5. A Calzada, Ponte Caldelas

De entre todas as praias fluviais de Galicia, a de A Calzada conta coa distinción de ser a única con Bandeira Azul de toda a Comunidade Autónoma e a primeira de España en obter este galardón, que conserva dende 2015.

Non é o único motivo para achegarse a este recanto do río Verdugo: a praia conta con zonas de baño diferenciadas para adultos, nenos e animais, atópase nun frondoso bosque de ribeira e por ela transcorre o Sendeiro Azul de Ponte Caldelas, que une a vila cos espectaculares Pasos da Fraga.

Ónde: Praia de A Calzada

Praia de A Calzada Ponte Caldelas

6. Deilán, Vilaboa

Os case 9 quilómetros de costa na Enseada de San Simón cos que conta o concello de Vilaboa, ofertan numerosas calas nas que relaxarse despois dun día explorando a comarca.

Entre as favoritas dos locais, atópase a praia de Deilán, unha praia semiurbana preto do porto de Santa Cristina de Cobres, con area grosa de cor dourada e augas tranquilas. Sen dúbida, un lugar tranquilo dende o que desfrutar das paisaxes da ría coa Illa de San Simón ó fondo.

Ónde: Praia de Deilán

7. Mogor, Marín

É difícil escoller unha entre todas as espectaculares praias de Marín, que contan ademais con Bandeira Azul en case a súa totalidade. Pero as augas tranquilas e resgardadas de Mogor, así como a súa area fina, convértena nunha das favoritas dos veciños, e nun magnífico lugar para desfrutar do mar na ría de Pontevedra.

Como engadido extra, esta praia conta, a escasos metros de distancia, co Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor, onde se atopa o famoso Labirinto de Mogor, de visita libre e gratuíta durante todo o ano. Nos meses de verán, pódense realizar visitas guiadas diúrnas e nocturnas, para intentar descubrir un pouco máis sobre estes misteriosos gravados na rocha e con vistas ó mar.

playa de Mogor

Por aquí pasa tamén a vía ciclista ou Sendeiro Azul – Rota das Praias, un bo plan para os amantes do deporte e a natureza, que conecta dende a praia de Portocelo á do Santo do Mar. O sendeiro é adaptado para persoas de mobilidade reducida dende Portocelo a Mogor.

Ónde: Mogor

 

Descarga e lé este artigo onde queiras, en formato PDF

 

Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android

Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para tódolos viaxeiros. Atopa máis lugares únicos ou segue as rutas temáticas coa app móbil para descubrir algún dos tesouros mellor gardados de Galicia e desfrutar dun territorio sen igual.

Descarga a  app para Android e iOS neste enlace

Back To Top