skip to Main Content

9 curiosidades de Terras de Pontevedra que seguro te sorprenderán

Terra de navegantes e poetas, camiño de paso dende tempos inmemoriais e unha historia que vai mais aló da Idade de Bronce… Terras de Pontevedra está chea de historias e datos curiosos que, xunto coas paisaxes únicas, sorprenden a quen nos visita por primeira vez.

Hoxe imos un paso mais lonxe: traémosvos 9 datos curiosos que seguro vos van sorprender.

1.- Terra de piratas e corsarios

Con un pasado mariñeiro tan arraigado, non era de estrañar que en Terras de Pontevedra, ademais de resistir os ataques de piratas como Drake, tamén houbese corsarios. Son testemuña disto as casas mariñeiras que atoparemos en Marín, preto do Templo Vello.

Da cidade de Pontevedra, cóntase que Benito Soto, o pirata mais temido dos mares e cuxo lema era “Os mortos non falan”, escondeu un tesouro. Pódelo buscar na Casa das Campás, pero xa vos avanzamos que non é o único tesouro agochado en Terras de Pontevedra.

2.- Un portal ó mais aló

A cabalo entre A Lama e Cerdedo – Cotobade, o vento creou formas caprichosas nas rochas do Monte Seixo. Unha destas formacións rochosas é o Portalén ou Portela do Alén, unha porta ó outro lado na que, aqueles que queiran falar cos ancestros, deberán cruzar de norte a sur.

11 cotobade portela do alen

3.- Orixe de Cristóbal Colón

Falando de navegantes, como non falar da orixe galega de Cristóbal Colón. Probablemente sexa un dos grandes enigmas da historia e, aínda que ninguén sabe a ciencia certa se foi galego, catalán ou xenovés, numerosos estudos sinalan a súa orixe en Poio.

Podes analizar a tese da orixe galega do navegante na Casa Museo Cristóbal Colón.

4.- Conectados con outros pobos dende fai miles de anos

A nosa historia de navegantes e incluso anterior á chegada dos romanos. Os petróglifos que atopamos en Marín e Poio así o acreditan: labirintos como os da Pedra do Labirinto de Mogor, que rara vez se atopan nesta parte da península pero son moi comúns no Mediterráneo, ou as formas en U de Pozo Ventura, máis próximas ás da Bretaña francesa ou os gravados irlandeses.

Podes ver os primeiros na Área Arqueolóxica de Mogor e unha reprodución do segundo no Centro Arqueolóxico de A Caeira.

Ademais, numerosos vestixios atopados nas escavacións arqueolóxicas da provincia mostran que xa naquel entonces se comerciaba con produtos doutras partes de Europa. Podes velos no Museo de Pontevedra.

terras campo lameiro laxe dos cabalos

5.- Unha das maiores concentracións de arte rupestre de Europa

A provincia de Pontevedra é unha das zonas de Europa con maior concentración de gravados rupestres, especialmente de petróglifos. Dende os motivos circulares e cazoletas, a cervos, ídolos e representacións de homes en escenas de caza, con armas ou a cabalo… Podes desfrutalos ó aire libre nas áreas arqueolóxicas de Terras de Pontevedra ou intentar descubrir os seus segredos no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o Centro Arqueolóxico de A Caeira ou nas salas de arqueoloxía do Museo de Pontevedra.

6.- O hórreo de maior capacidade de Galicia

Se pensas en hórreos, probablemente o primeiro no que penses sexa Combarro, cos seus 30 hórreos mirando ó mar. Pero probablemente un dos máis impoñentes non se atope aí, senón no veciño mosteiro de San Xoán de Poio, onde un hórreo de pedra de mais de 33,6 metros de lonxitude e 3 filas de pés, ostenta a honra de ser o hórreo con maior capacidade de Galicia e un dos mais largos.

bosque sequoias

7.- O maior bosque de sequioias de Europa

A 430 metros de altitude e nunha ladeira do Monte Castrove, atópase o maior bosque de sequoias vermellas californianas de Europa. A súa orixe remóntase a 1992, cando o goberno americano decidiu regalar ó español 500 exemplares desta árbore para celebrar os 500 anos da chegada de Colon a América, e como símbolo de irmandade entre o Vello e o Novo Mundo.

8.- Un dos poucos muíños de mareas de Galicia

No século XIX aproveitouse o dique das Salinas de Ulló en Vilaboa para construír un dos poucos muíños de mareas de Galicia. Neste muíño aproveitaban os movementos intermareais da Enseada de San Simón para xerar forza hidráulica que permitise moer o grao. Hoxe en día quedan deste tan solo os diques que o sustentaban, pero o espazo é de una gran beleza e valor natural.
vilaboa salinas de ullo

9.- A maior colección de acibaches do mundo

Falando de cousas únicas, no Museo de Pontevedra atópase a maior colección de pezas en acibeche do mundo. Datados entre os séculos XVI e XX, foron elaborados en Santiago de Compostela, o único centro antigo de traballo do acibeche e que, debido a dificultade de atopar este material na natureza, desfrutaba dun monopolio.

¿Xa os coñecías? Non son as únicas curiosidades: mouras, campás agochadas, camiños centenarios… Terras de Pontevedra ten moito mais que descubrir.

Segue explorando Terras de Pontevedra ca App para iOS e Android

Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para tódolos viaxeiros. Atopa mais lugares únicos ou segue os itinerarios temáticos da aplicación móbil e descubre algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia.

Descarga a app para Android e iOS neste enlace

Lee este artículo en PDF.

 

Back To Top