skip to Main Content

Tralos pasos de “A Porta”: unha ruta polos lugares máxicos do thriller de Manel Loureiro

Miradores Seixo

Unha cruz no cumio do monte vixía os vales e os outeiros, unha porta aberta ó máis alá dende tempos ancestrais, pobos que semellan conxelados no tempo e carreteiras imposibles de montaña… Adentrámonos en Terras de Pontevedra a través das súas lendas e tradicións máis rechamantes, seguindo os pasos da axente Raquel Colina, protagonista do último thriller de Manel Loureiro “A Porta”.

Os misterios do Monte Seixo

Conta Manel Loureiro que se atopou coa “porta” de casualidade mentres seguía un sendeiro pola montaña e que lle pareceu o lugar perfecto para localizar un thriller. Situadas no Monte Seixo, no concello de A Lama, estas pedras ancestrais aínda son un punto de peregrinación no que comunicarse cos mortos.

Chegar ata aquí non é tarefa sinxela: unha pista creada para o mantemento das torres eólicas que salpican a Serra do Cando fai as veces de estrada ata este recóndito lugar. Polo camiño, cabalos salvaxes e vacas que pasta libremente serán as nosas únicas compañeiras.

Vacas Seixo

 

Unha vez no camiño, chegar ó Portalén non é complicado. O difícil é non quedar asombrado pola impoñente formación rochosa e a presenza de ofrendas rituais que son testemuñas de que pese ó paso do tempo, as lendas seguen vivas aquí. A porta do máis alá é un caprichoso conxunto de pedras que cobra vida ó cruzala de norte a sur, calados, para escoitar aquelo que os defuntos nos queiran contestar.

Portalén

Algúns dos historiadores sitúan aquí un antigo santuario celta. Non é o único elemento máxico: a poucos metros da porta atópase outro grupo de rochas coroadas por unha cruz de pedra: a Cruz do Seixo. Hai quen di que aquí se atopaba un Ara Solis. Quizás por iso os veciños de Barcia do Seixo suben ata aquí para celebrar a Santo Antonio, pero non o fan na onomástica do santo, senón durante o solsticio de verán.

Marco Do Vento

 

No outro lado, moi preto da estrada, o Marco do Vento érguese a 6 metros de altura. Algúns historiadores teñen determinado que se trata dun menhir, posiblemente romano. O seu nome indicaría o seu uso como límite xeográfico, liña divisoria entre os distintos territorios que rodean o Portalén e lugar onde se atopan todos os ventos: o vento aberto, o atravesado, o corrido, o de abaixo, o nacente…

Pero os misterios do Seixo non rematan aquí: non moi lonxe do Portalén atópase a capela de Santa Mariña. A súa procesión celébrase o 28 de Xullo. A súa lenda fala dunha historia de depravación e virtude, dunhas lagoas máxicas que afogaron a cidade de Trentinán e da que din que as badaladas da súa igrexa se poden escoitar en noites de néboa densa e baixa. Pode que unha noite de néboa pechada non sexa o día máis recomendable para achegarse ata aquí, pero as súas vistas sobre a Ría de Pontevedra e unha espectacular posta do sol son motivo máis que suficiente para querer visitar á santa.

capela do Seixo

 

Outro interesante miradoiro é o das Tres Rías, en dirección a A Lama.

Pontevedra e as súas rúas

O contrapeso da maxia do Monte Seixo pono a cidade de Pontevedra: as súas rúas cheas de vida, os seus restaurantes e cafeterías clásicas como o Café Central e o novo gastro mercado na praza de abastos, poñen o punto máis racional á vida da protagonista mentres desfruta dalgunhas das receitas máis clásica das Rías Baixas.

A novela de Manel Loureiro invita a coñecer os recunchos máis típicos da cidade, pero tamén lugares menos visitados polos viaxeiros, como o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, situado na coñecida Casa dos Fonseca. Este peculiar edificio construído en 1910, é o gardián da historia e dos documentos da cidade, con fondos que van dende o século XIV ata a actualidade.

plazas de Pontevedra

Viascón e os misteriosos petróglifos

Sede dunha ficticia comandancia da Guardia Civil, Viascón antóxase un lugar ideal para resolver un misterio. A medio camiño entre a cidade de Pontevedra e o alto do Seixo, este pequeno pobo conta con unha importante mostra de arte rupestre, entre as que destacan as estacións de Pedra do Lombo da Costa, Laxe do Cuco e Portela da Laxe.
Aínda que as súas formas non obedecen á serpe da novela nin se atopan no medio dun bosque, as súas figuras concéntricas e zoomorfas fan que a nosa imaxinación voe e nos vexamos inmersos nalgún ritual ancestral mentres a luz solar rasante fai danzar os sucos ante os nosos ollos.

petroglifos de Viascón

 

Moi preto de aquí atópanse os petróglifos de Fentáns, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e a Pedra da Serpe de Castro Penalba. Ademais, Viascón é o fogar do Museo Casa da Gaita, un dos lugares de referencia para a música tradicional galega.

Os pobos esquecidos

Aínda que para moitos Arufe sone a misterio, a aldea inventada na montaña, trátase dun lugar real que foi abandonado fai tempo. As súas casas, conxeladas no tempo son unha interesante mostra da arquitectura tradicional desta zona de canteiros e labranza. Casas de pedra, hórreos, pombais e fontes son tragados lentamente polas árbores desta pequena aldea que pertence á parroquia homónima do autor.

Pódese chegar ata Arufe ata un camiño que parte da igrexa de Loureiro ou tamén pola Senda do Foxo do Lobo de Cerdedo-Cotobade. Este camiño de 10,5 quilómetros e dificultade media inicia en A Chan (Carballedo) e remata no Foxo do Lobo (Corredoira). É un dos 10 sendeiros sinalizados no concello, entre os que tamén está o sendeiro A Vía Escondida que pasa por Viascón.

E falando de aldeas abandonadas, outra curiosa visita é a da aldea de Vichocuntín. Os seus veciños abandonaron esta aldea ante unha inminente construción dunha presa que nunca sucedeu. A natureza, igual que no caso de Arufe, xa recuperou o territorio, creando unha curiosa paisaxe.

Máis recunchos máxicos e misteriosos de Terras de Pontevedra

Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. Atopa máis lugares únicos ou segue os itinerarios temáticos na la aplicación móbil para descubrir algúns dos segredos mellor gardados de Galicia e desfrutar dun territorio inigualable
#Adéntrate #TerrasdePontevedra

Back To Top