Hórreos, muíños de auga, casonas de pedra, pazos… son moitos os elementos que configuran a paisaxe de Galicia e que chaman a atención a quen nos visita. Pero existen algúns recunchos aínda máis peculiares, pobos e vilas singulares que nos falan de historia e tradición a través das súas pedras.
Viaxamos por Terras de Pontevedra para percorrer algunhas das súas aldeas e pobos singulares:
Serrapio en Cerdedo-Cotobade
No interior de Cerdedo-Cotobade atópase unha pequena aldea agochada tras unha impoñente masa forestal. O seu tamaño, menor co da veciña Pedre ou a xa abandonada Vichocuntín, esconde unha paisaxe que impresiona nada máis chegar: no alto dunha gran rocha, unha pequena capela do século XVIII dedicada a San Lorenzo vixía o val dende arriba.
Ó lado da capela, un pequeno vía crucis, un pombal e un pozo completan un dos conxuntos etnográficos máis singulares de toda a provincia de Pontevedra.
Dende aquí parte un antigo camiño empedrado que nos leva ata a ponte románica de Pedre, que forma parte da Ruta das Pontes do Lérez. Dise que foi construído por Pedro de Pedre, pai do Mestre Mateo, aínda que algúns estudosos remontan a súa construción ós romanos. Trala ponte, o camiño conecta coa aldea de Pedre e o seu bonito eirado de 22 hórreos coñecido como Eira de Pedre ou Eira Grande.
Combarro en Poio
As imaxes dos hórreos de Combarro mirando ó mar son compartidas a diario en redes sociais. Falamos dunha das paisaxes singulares máis coñecidas de Galicia e que foi imaxe turística da comunidade durante anos. Pero Combarro no só son os seus 60 hórreos nin as súas terrazas a carón do mar.
Construído sobre un gran bloque granítico, pasear polas rúas de Combarro é tamén descubrir as súas casas mariñeiras de pedra. Coa vivenda na planta superior e os almacéns na inferior, moitas delas aínda conservan os seus balcóns ou solainas, decorados con mazarocas de millo ou flores. Tradicionalmente, estes balcóns estaban pintados da mesma cor cas embarcacións dos seus donos.
Outro dos seus elementos distintivos son os seus cruceiros en granito. Neles a figura da Virxe sempre mira cara o mar mentres que o Cristo crucificado mira cara á terra.
Laxedo (Covelo) en A Lama
A estrada que leva a Covelo é ondulante. A ambos lados, campos de cultivo e bosques autóctonos decoran a paisaxe. Nada máis chegar, saúdan ó viaxeiro dúas casas xemelgas, un dos grandes proxectos de Manuel Barreiro Cabanelas, quen construíu aquí dúas escolas que non chegarían a inaugurarse debido á Guerra Civil.
A finais do séculos XIX, o coñecido como Conde de Cabanelas emigrou ó Brasil en busca de fortuna. No outro lado do Atlántico converteríase nun home de negocios do que se chegou a dicir que era dono de medio Río de Janeiro. Co paso dos anos, decidiu volver a Galicia e loitar contra aquelo que o obrigara a fuxir cando aínda non contaba a maioría de idade.
O seu proxecto para loitar contra a diáspora no só tivo o seu efecto nas grandes cidades como Pontevedra, na que foi un dos impulsores do Hospital Porvincial, senón que decidiu investir no desenvolvemento do pobo que o vira partir. Aquí deseñou un proxecto de urbanización e dinamización que rehabilitou fontes, ampliou rúas e repoboou o lugar, regalando casas ás parellas de xoves que viñesen vivir aquí.
Nas paredes desas casas, baixorrelevos e esculturas, algunhas de elas simples escenas da vida cotiá, outras propias da mitoloxía clásica e simples motivos naturais. Cada casa agocha un segredo, labrado en pedra e esperando a ser redescuberto. Non foi o único que construíu aquí, mo preto se atopan as Colonias, centros de formación para os nenos da rexión e de toda Galicia, que viñan ata o lugar a conectar coa natureza ou aprender dos oficios tradicionais.
O proxecto de Conde Cabanelas viuse interrompido ó estalar a guerra e ter que regresar a Río de Janeiro, pero aínda hoxe se poden atopar alí os veciños que xogaron nas súas colonias e que viven nas súas singulares casas de pedra.
Ponte Sampaio en Pontevedra
A ponte de Pontesampaio foi o escenario da última batalla en Galicia contra o exército de Napoleón, durante a Guerra da Independencia. O seu magnífico porte medieval con dez arcos marca a entrada do Camiño Portugués en Terras de Pontevedra e a desembocadura do río Verdugo, nunha contorna de especial protección da costa galega.
A vila, de estreitas e empinadas rúas, aproveita toda a ladeira con viñedos, xardíns e campos de cultivo, creando unha das instantáneas máis fermosas das Rías Baixas.
Ó seu carón, unha pequena illa conéctase co pase a través dunha pasarela levadiza que reza na súa porta “Pequeniña, pero miña”. É a coñecida como Illa de Medal ou Insuíña. A illa foi propiedade do pintor Antonio Medal, quen celebraba aquí reunións con outros artistas relevantes do século XX, entre os que se atopaban Castelao, Laxeiro ou Ramón Cabanillas, entre outros.
Trala adquisición polo Ministerio de Medio Ambiente no 2008 co obxectivo de recuperar e protexer o literal, a illa abriuse ó público e hoxe é un popular lugar de paseo dos veciños da localidade e dos curiosos, que atopan trala súa entrada un pombal, un hórreo, un pozo e un orixinal miradoiro. Desde alí, pódese disfrutar dunha panorámica das tres pontes que cruzan aquí o río Verdugo e da vila de Ponte Sampaio.
Descubre máis recunchos e paisaxes únicas. #Adéntrate en Terras de Pontevedra