Camiñar polas paisaxes de Terras de Pontevedra é un pracer para os 5 sentidos. A mancomunidade conta con unha gran tradición de camiños polos que peregrinos e viaxantes transitan dende os tempos dos romanos.
Hoxe eses camiños convertéronse en roteiros de sendeirismo únicos, moitos dos cales transcorren por espazos naturais protexidos da rede Natura 2000 ou LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) como son o val do Rio Lérez, a Enseada de San Simón e a Serra do Cando.
De entre as moreas de sendeiros sinalizados, escollemos 7 que esperamos vos animedes a percorrer connosco:
1.- Pontes do Lerez
O sendeiro circular Pontes do Lérez transcorre 28 quilómetros polos camiños medievais que unían os pobos de Cerdedo con cidades como Santiago de Compostela e Ourense. Ó seu paso, hórreos, muíños, ermidas, torres, cruceiros… son o reflexo desta terra de canteiros e dunha diversidade biolóxica espectacular.
Se 28 quilómetros son excesivos para unha primeira visita, propoñémosvos partir da pintoresca aldea de Serrapio para acercarnos á ponte románica de Pedre e a frondosa carballeira que a rodea. En Pedre tamén se atopa unha importante eira e un conxunto de petróglifos descubertos en 2005.
A vía continua pola antiga aldea de Vichocuntín, abandonada fai anos, ata alcanzar Cerdedo, onde a antiga calzada romana nos levará a capela de San Antón e a ponte medieval. Arriba en Cerdedo, outra eira comunal pódenos servir de final de ruta ou punto de descanso no que desfrutar dun bocado.
Non é o único sendeiro sinalizado nesta zona: a Vía Escondida, a Senda de Frei Martín Sarmiento, o Roteiro dos Tres Vales ou a Ruta Cabenca – Cavadosa mostran máis paisaxes pintorescas a unas incribles vistas do val do río. E todo iso sen esquecer os sendeiros cara a Portela do Alén.
2.- Os sete camiños
Agochada nos montes de Pontevedra, atópase esta curiosa rota de grande riqueza arqueolóxica. O sendeiro era usado tradicionalmente polas leiteiras para levar o leite ós veciños da costa e, en sentido contrario, para levar o peixe ó interior da provincial.
O sendeiro circular mide aproximadamente 4,5 quilómetros e pasa por distintos conxuntos rupestres como os de Outeiro da Mina, que foi o primeiro gravado publicado nunha representación gráfica, na “Historia de Galicia” de Manuel Murguía en 1901, e distintas mámoas.
A esta rota únense, ademais, curiosas lendas, como as da existencia de Mouras ou a “luz dos Sete Camiños”. Un incentivo adicional son os espectaculares miradoiros sobre a ria e a cidade de Pontevedra que se atopan polo camiño.
3.- Rota do Monte Penizas
Moi preto da anterior, a Rota do Monte Penizas é un percorrido lineal de 6 quilómetros e maior dificultade, que alterna tramos de estrada e camiños naturais. Pasa por castros e aldeas para alcanzar un dos grandes miradoiros sobre a ría e visitar dous dos monumentos de arquitectura relixiosa máis destacables de Marín: as igrexas de Santa María do Campo e Santo Tomé de Piñeiro. Existe unha desviación ós Muíños de Loira que engade case un quilómetro á ruta, pero transcorre por unha zona de grande beleza natural.
Non é o único sendeiro destacable na zona: a Rota dos Cinco Miradoiros tamén garante unhas impoñentes vistas da Ría.
4.- Muíños de Riomaior
Xa en Vilaboa, o sendeiro dos Muíños de Riomaior PR-G102 é unha interesante rota de dificultade baixa que transcorre por un bosque típico de ribeira, no que atoparemos 34 muíños restaurados nos que os habitantes de Vilaboa explotaban as bondades deste val.
Este pequeno camiño lineal de 5 quilómetros de ida e volta, sae da Casa da Cultura de Río Maior, por debaixo dos pilares da Autopista, cuxa presenza esquecemos tras os primeiros metros. E sube suavemente pola beira do río Maior e o regato do Portiño ata chegar ós 150 metros por riba do nivel do mar.
5.- Rota das Almiñas e do Foxo do Lobo
Este sendeiro circular de dificultade media pasa, ó longo dos seus 11 quilómetros de lonxitude, por algunhas das paisaxes máis curiosas do río Verdugo. Dende os Pasos da Fraga e o Peto de Ánimas que da nome ó percorrido, pasando polo Foxo do Lobo, que antigamente se usaba para atrapar ós lobos e protexer os rabaños da zona.
O camiño coincide parcialmente co Sendeiro Azul do Río Verdugo, unha rota lineal de 8 quilómetros que parte de Ponte Caldelas, pasando pola Praia de A Calzada, a única praia fluvial con bandeira azul de Galicia, ata os Pasos da Fraga.
6.- A variante espiritual
A coñecida como Variante Espiritual xurdiu como un camiño alternativo ó Camiño Portugués a Santiago de Compostela, que retomaba a conexión histórica de mosteiros como o de San Xoán de Poio e Armenteira, coa cidade do Apóstolo.
Esta variante parte de Pontevedra cara O Salnés polo mar e, aínda que non é un camiño histórico e, polo tanto, non computa para obter a Compostela, si ten unhas profundas raíces, seguindo en parte a rota do Pai Sarmiento e a traslatio do Apóstolo en barco. Ademais de que nos regala unhas bonitas vistas da ría de Pontevedra e as zonas de marisqueo, como a da Seca con vistas á Illa de Tambo, ou o pintoresco centro histórico de Combarro.
7.- Campo Lameiro
Non, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro pode non parecer un sendeiro tradicional, pero os seus máis de 3 quilómetros de camiños sinalizados, con unha das maiores concentracións de petróglifos da Europa, distintos miradoiros e áreas de descanso, conforman unha gran rota de alto valor natural e valor histórico-arqueolóxico.
O parque conta, ademais, con un gran espazo expositivo sobre as incógnitas que plantexan os petróglifos e as persoas que os gravaron, ou as conexión con outras rexións da península e o resto do mundo.
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS e Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para tódolos viaxeiros. Atopa mais lugares únicos ou segue os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e desfrutar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace