Terras de Pontevedra conta con un gran número de praias fermosas, pobos pintorescos e cidades modernas cunha animada vida social, pero é tamén un destino de natureza con espazos únicos nos que pasear escoitando o son dos paxaros ou onde sentarse a ler un bo libro e esquecer o mundanal ruído.
Falamos dos tres grandes espazos naturais protexidos LIC Enseada de San Simón, LIC río Lérez e LIC Serra do Cando que abarcan gran parte do territorio de Terras de Pontevedra. Pero tamén dos parques e xardíns únicos, das carballeiras e das fragas que con tanto esmero protexen os veciños e veciñas dos concellos de A Lama, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa.
Percorremos algúns destes espazos naturais únicos. #Adéntrate, entra en Terras de Pontevedra:
Bosque das sequoias de Monte Castrove ou Bosque de Colón
En 1992, o Congreso dos Estados Unidos decidiu facer un obsequio ó pobo español para celebrar o quinto centenario da viaxe de Cristóbal Colón ás Américas. Este regalo chegaría na forma de 500 pequenas sequoias vermellas californianas, unha especie vexetal que pode vivir centos de anos e que hoxe pode superar os cen metros de altura nas condicións adecuadas. Hoxe en día, é un dos poucos lugares de España onde se poden ver sequoias vermellas.
Aínda non se descubriu por que os americanos escolleron este lugar no concello de Poio ou quen o recomendou de entre os centros de lugares relacionados coa historia de Colón que se poden atopar na península ibérica. Pero, non moi lonxe da Casa Museo de Colón, esta é unha interesante visita que nos recorda o papel dos mariñeiros de Terras de Pontevedra na historia da navegación e é un bo lugar no que desconectar.
Non son os únicos exemplares de sequoias que se pode atopar en Terras de Pontevedra: na década de 1960 os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán plantaron un pequeno bosque desta especie en Pena da Moa (Ponte Caldelas). O bosque considerárase perdido tras un grave incendio que aconteceu cando as árbores aínda non alcanzaran os 10 anos de idade; pero 40 destas primeiras árbores sobreviviron ó lume e hoxe seguen crecendo neste mesmo lugar rodeados de piñeiros e árbores autóctonas.
O Sendeiro Azul de Ponte Caldelas
Ó longo do río Verdugo en Ponte Caldelas atópase un dos 9 Sendeiros Azuis da provincia de Pontevedra. Galardoada con esta distinción por promover e protexer as antigas sendas, os seus valores medioambientais e os recursos patrimoniais que nelas se atopan, este sendeiro recupera os antigos camiños de pescadores, aínda en uso durante a Festa da Troita que se celebra ano tras ano na vila.
A ruta pasa por Ponte Caldelas e as súas pontes, pola que foi a antiga fábrica da luz, a praia fluvial (con Bandeira Azul), os coñecidos como pasos da Fraga (poldras) e a antiga aldea de Portasouto, conectando con outros sendeiros como o das Almiñas e Foxo do Lobo, un dos camiños tradicionais de Terras de Pontevedra.
Xa na costa, a rede de sendeiros que conecta coas praias de Marín, tamén conta co selo Sendeiro Azul. Entre os recursos que nos permite ver esta ruta peonil e ciclista, atópanse as praias do concello, os petróglifos de Mogor, a igrexa de Santa María do Campo e os muíños do río Loira.
Xardíns de Vicenti
Situados no centro de Pontevedra, entre a Alameda e os coñecidos como Xardíns de Colón, os Xardíns de Vicenti son un espazo botánico único entre o paseo de altas palmeiras e o de magnolios. Aquí, onde nun tempo se erguían as murallas da cidade e o campo da feira, hoxe atopamos cedros do Himalaya, teixos e acivros entre esculturas, xogos infantís e un enorme pombal hoxe decorado cun mural dos artistas galegos Cestola na Cachola.
Descansar da animada vida da cidade de Pontevedra é sinónimo de sentarse nun dos seus bancos de pedra ou percorrer os monumentos en honra a Valle Inclán e grandes figuras vinculadas á cidade e os seus portos, entre os que están Paio Gómez Chariño ou Méndez Núñez.
Para os amantes da botánica, o veciño Pazo de Lourizán conta con algunhas das árbores máis representativas e senlleiras de Galicia, moitas delas incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia.
Parque da Natureza do río Barosa
Coñecida pola impresionante fervenza de 30 metros de desnivel e os seus 17 muíños, o parque conta tamén con distintos establecementos nos que comer algún prato típico das Rías Baixas e descansar escoitando o son da auga. É, probablemente, a zona máis coñecida das fervenzas do río Barosa.
Río arriba, seguindo a ruta de sendeirismo medioambiental do Barosa, ou polos camiños veciñais, chégase ata os “Muíños de Arriba”. Polo camiño atopamos unha paisaxe de alto valor medioambiental con salgueiros, loureiros, ortigas e prímulas entre outras especies, xunto cunha grande diversidade de musgos, algas e fentos, típicos do bosque de ribeira.
Non é a única ruta de muíños de auga en Terras de Pontevedra, compite en fermosura e patrimonio con rutas como a dos muíños de Samieira, en Poio, ou a de Riomaior, en Vilaboa, con muíños recuperados case na súa totalidade.
Área recreativa de Lodeiro
O paso do río Lérez deixa no concello de Campo Lameiro unha das súas estampas de maior fermosura: a área recreativa de Lodeiro na unión do río co afluente Meneses. De ribeiras fondosas e cunha pequena praia fluvial frecuentada polos amante dos deportes de auga, pasear polo seus sendeiros é unha boa forma de conectar coa natureza.
Por aquí pasa o sendeiro do Río Meneses, onde se poden ver tradicionais muíños e pontes, e que nos leva ata o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, unha visita imprescindible na zona. Freixos, amieiros e salgueiros entre antigos camiños de pescadores fai tempo esquecidos.
Carballeira das Ermitas
Contan que neste lugar, ó lado dunha fonte, atopouse unha pedra esculpida cunha imaxe da virxe. Moitos quixeron levar a súa figura a outros lugares, pero milagrosamente esta volvía a aparecer no mesmo lugar. Non é o único milagre relacionado coa carballeira e as súas fontes, o que fixo que a finais do século XIX se construíra alí unha capela.
Cada 4 e 5 de Agosto, este lugar recibe a centos de devotos que realizan unha gran comida campestre. No resto do ano, esta espectacular área recreativa transfórmase nun tranquilo espazo no que descansar á sombra dos carballos. Cruceiros, a imaxe da virxe, as fontes e unha impresionante extensión de mesas nas que comer unha empanada ou relaxarse sen mási e desfrutar da enerxía das Ermitas.
Terras de Pontevedra conta cun bo número de carballeiras, algunhas tan extensas como as das Ermitas e outras algo máis pequenas como a de Cuspedriños en Cerdedo-Cotobade. Todas elas son un remanso de paz na maior parte do ano e un gran punto de interese para o s que busque descubrir as tradicións e a cultura popular galega.
As pontes do Lérez
Unha das grandes rutas de sendeirismo de Terras de Pontevedra é a das Pontes do Lérez. Camiños empedrados, pontes centenarias, petróglifos, aldeas abandonadas e algúns dos conxuntos etnográficos máis fermosos de toda a provincia atópanse no seu percorrido.
A maior parte do camiño é no medio da máis absoluta natureza, por camiños case esquecidos e nos que o tempo parece terse detido. Sen dúbida, un gran plan para nenos e maiores.
Espazo Natural de Cotorredondo e Lago de Castiñeiras
Esta pequena reserva natural é un dos grandes favoritos da provincia para desfrutar ó aire libre. Aínda así, a súa gran extensión e o amplo número de sendeiros que o percorren, fai que sexa un dos mellores sitios nos que se perder por un par de horas entre a natureza.
Un dos mellores representantes da súa potencia paisaxística é a torre de vixilancia do miradoiro de Cotorredondo, que oferta unhas vistas privilexiadas sobre da ría de Vigo, Pontevedra e Arousa. Cabalos salvaxes, gaviláns, lagartos… a súa fauna e flora son outros dos grandes atractivos do parque, que tamén conta con numerosos servizos para os visitantes.
Segue descubrindo Terras de Pontevedra coas Experiencias para todos os públicos que podes atopar da nosa web e nas redes sociais.