skip to Main Content

Vivir a historia en Terras de Pontevedra: 4 festas imprescindibles nas que mergullarse no pasado

A relevancia dos territorios que hoxe conforman Terras de Pontevedra na historia en indiscutible. Dende as calzadas romanas ós petróglifos, das igrexas románicas ós altares churriguerescos, son moitas as mostras dun pasado emocionante e creativo.

Hoxe en día, é posible revivir os tempos pasados, dende o século XV ó século XX, ó largo e ancho da provincia. Neste artigo destacamos 4 das festas históricas imprescindibles nas que mergullarse no pasado e algunhas ideas mais para conectar coa historia de Terras de Pontevedra.
1.- Entroido de Cobres
O Entroido de Cobres (Vilaboa) é un dos mais vistosos e participativos de Galicia e está declarado de Interese Turístico. Composto por unhas personaxes e vestimentas características, que se manteñen dende comezos do século XVIII, ten modernizado dan só algunhas accións, como a corrida do galo, para adaptalas á sensibilidade actual.

Este entroido único de raíces na Idade Media, mantívose vivo a través dos séculos grazas á tradición oral. Conta con característicos bailes e tradicións, representando dunha forma cómica os aconteceres e realidades das distintas clases sociais a través de figuras do pasado, como os paisanos que acompañan a galáns e madamas.

Cando: no entroido.
2.- Feira de Cuspedriños
Retornar ós anos 50-60 do século XX é posible en Cuspedriños, na parroquia de San Xurxo de Sacos (Cerdedo – Cotobade). A festa rememora aqueles tempos nos que a feira de gando de Cuspedriños era todo un referente na economía da época.

Aínda que o eixo da feira xa non sexa a gandería, esta segue estando presente coa exposición de razas autóctonas, como a galiña de mos e o porco celta; así como a agricultura e a artesanía tradicional. Van acompañados de coches de época, cantigas de rega e ruadas para completar un cartel de festas que cada ano atrae a un maior número de visitantes.

Cando: finais de maio – principios de xuño.

recreacion historica

3.- Festa corsaria de Aguete
O pasado mariñeiro da ría de Pontevedra é incuestionable. Orixe de grandes navegantes e de temidos piratas, en Marín aínda é posible atopar corsarios, aínda que solo sexa na coñecida como Festa Corsaria. A celebración conmemora a batalla de Aguete, que tivo lugar no ano 1800 entre o exército inglés e a frota dos irmáns Gago de Mendoza, que protexían a fragata Acudia, cargada coa prata do rei Carlos IV.

Ademais da batalla contra os ingleses, música, gastronomía e artesanía atraen por igual a veraneantes e marinenses durante toda a fin de semana. Sen dúbida, un bo momento para acercarse a descubrir a parte mais antiga de Marín, onde aínda hoxe se atopan algunhas das antigas casas de mariñeiros e corsarios.

Cando: mediados de agosto

Tamén podemos vivir o pasado de Marín durante as festas de San Miguel, na que se interpreta a Danza de Espadas, dende fai preto de catro séculos. Está declarada de Interese Turístico.

4.- Feira Franca de Pontevedra
No 1467, o rei Enrique IV outorgou á medieval Pontevedra o privilexio da Feira Franca. En virtud deste, autorizábase á que, por aquel tempo, era a vila mais poboada de Galicia, a celebración dun mercado libre de impostos e de un mes de duración, ó redor da festividade de San Bartolomeu.

Rememorando este tempo de puxanza económica, a cidade transfórmase para celebrar un gran mercado medieval no que a gastronomía, os torneos de cabaleiros e multitude de actividades históricas e culturais son o principal atractivo. Vestir coas roupaxes medievais e participar nas distintas actividades para vivir a Feira como un pontevedrés mais é mais que recomendable.

Cando: primeira fin de semana de setembro.
Mais ideas para mergullarse no pasado:
Hai mais festas en Terras de Pontevedra nas que podemos conectar coa historia. En Pontesampaio e Ponte Caldelas, por exemplo, recréase a batalla do Verdugo de 1808, durante a Guerra da Independencia española. Recórdase así o choque entre os galegos e as tropas francesas de Napoleón ó carón do río Verdugo. Ámbalas dúas teñen lugar nos meses de verán, aínda que nos últimos anos téñense celebrado de forma intermitente.

Outra opción mais que recomendable é apuntarse ás visitas teatralizadas do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, na que homes e mulleres da Idade de Bronce nos guiarán polos segredos dos petróglifos que alí se atopan. Organízanse diferentes visitas ó longo do ano, especialmente en datas sinaladas e nos meses do verán. Atoparás mais información na web do parque nas nosas redes sociais.

Tamén se organizan visitas teatralizadas ó redor da figura de Colon en Poio, pero o calendario para 2019 está aínda por confirmar.

E na cidade de Pontevedra, tamén se organizan visitas teatralizadas nos meses de verán, nos que as personaxes reais e imaxinarias que habitaron a cidade dende a súa fundación, desvelan os segredos e curiosidades da cidade. A reserva é obrigatoria e pódese realizar na propia oficina de turismo que se atopa na Casa da Luz ou a través da súa web.

Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS e Android

Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para tódolos viaxeiros. Atopa mais lugares únicos ou segue os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e desfrutar dun territorio inigualable.

Descarga a app para Android e iOS neste enlace

Lee este artigo en PDF.

 

Back To Top