Desde percorrer os seus camiños centenarios a desfrutar das súas praias, pasando polos seus museos e gastronomía, existen infinitas combinacións e opcións para desfrutar dunha fin de semana en Pontevedra, Poio, Barro, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Vilaboa e Marín.
Nesta ruta de dous días poderás descubrir parte do gran patrimonio cultural e natural de Terras de Pontevedra. É tan só unha pequena mostra de todo o que se pode ver e facer neste inmenso territorio, animámoste a completala coas propostas temáticas das Experiencias en Terras de Pontevedra. #Adéntrate en Terras de Pontevedra:
Día un: seguindo o camiño da auga
Comezamos a nosa viaxe de dous días no miradoiro de Cotorredondo, onde unha torre usada para vixiar contra os posibles incendios forestais, permite ó visitante ver dende arriba as rías de Vigo Pontevedra e Arousa. Ante nós, un enorme territorio que visitaremos nos próximos días.
O miradoiro de Cotorredondo atópase no parque natural de Cotorredondo, unha reserva natural con importantes xacementos arqueolóxicos, entre os que está a Mámoa do Rei. Trátase dun dos espazos preferidos polos veciños das Rías Baixas para desfrutar do tempo libre.
A nosa seguinte visita atópase moi preto de aquí: as Salinas de Ulló en Vilaboa. Hoxe convertidas nun gran espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura 200 e un dos puntos clave para ver aves en Terras de Pontevedra, foron no seu tempo un gran centro de produción de sal.
A súa visita permite desfrutar dunhas impresionantes vistas da Enseada de San Simón, así como de 4 ecosistemas únicos: o bosque de ribeira, os carrizos, as marismas e a propia zona intermareal da enseada. Ademais, parten de aquí distintas rutas de sendeirismo de especial fermosura.
Unha vez de volta na estrada, o noso camiño lévanos cara a cidade de Pontevedra, cun dos centros histórico –artísticos mellor conservados de Galicia. Aquí percorreremos as súas rúas, cheas de historia e curiosidades, para visitar imprescindibles como a Igrexa de Santa maría a Maior, levantada polo Gremio de Mareantes (e segundo algúns polo mesmo Cristóbal Colón), e o magnífico Museo de Pontevedra; camiñar polas súas animadas prazas e soportais; e desfrutar dunha gastronomía única.
Pola tarde, se o tempo acompaña, propoñemos unha visita ó Parque da Naturaleza do Río Barosa para coñecer a súa espectacular fervenza de 30 metros de desnivel e os seus 17 muíños de auga. Unha contorna natural única de grande biodiversidade na que desfrutar do son da auga e dunha das rutas de sendeirismo máis populares das Rías Baixas.
Para pechar o día, a nosa viaxe lévanos de visita ata a singular vila de Combarro e os seus hórreos mirando ó mar, unha estampa única en toda Galicia. Non se nos ocorre mellor forma para despedir o día que camiñando polas súas estreitas rúas e vendo ó sol pórse na ría de Pontevedra mentres desfrutamos da magnífica gastronomía de Terras de Pontevedra.
Día dous: Historia e tradicións
Comezamos o noso segundo día explorando Terras de Pontevedra tralos pasos dos primeiros habitantes das Rías Baixas. No Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, poderemos descubrir algúns dos petróglifos máis representativos do norte de España e investigar sobre o seu significado, as persoas que os gravaron na pedra e a súa forma de vida. Cervos, ídolos, figuras xeométricas… que se poden visitar na súa localización orixinal e que sorprenden a grandes e pequenos por igual.
Continuamos o noso percorrido en dirección a Cerdedo para descubrir o conxunto histórico – artístico de San Antón, no que a antiga calzada romana e unha ponte medieval dan aceso á ermida de San Antón e un bonito cruceiro. De camiño, poderemos tamén visitar algún dos famosos eirados de hórreos do concello ou a singular aldea de Serrapio.
Atopámonos ós pés do Monte Seixo, un espazo singular e Lugar de Interés Comunitario (Serra do Cando) – Rede Natura 2000. Se o tempo acompaña, unha forma interesante de viaxar ata o noso seguinte punto é pola pista de montaña que leva ata o Portalén e as súas lendas. Miradoiros máxicos, capelas e cabalos salvaxes acompañarán a nosa ruta alternativa.
Do outro lado do Monte Seixo espéranos unha das romarías máis peculiares e populares de Terras de Pontevedra: a do Santo Cristo de Xende. A súa procesión de ataúdes, na que os devotos agradecen ó santo os favores concedidos, está entre o máis rechamante da celebración, pero non é o único motivo para vir ata aquí: a súa igrexa, o vía crucis ou o cruceiro policromado, completan un conxunto moi interesante no que conectar cos misterios e curiosidades de Galicia.
De volta en dirección cara a costa, a nosa seguinte parada será na Praia Fluvial de A Calzada, unha das poucas praias fluviais con Bandeira Azul de España e da que parte o magnífico Sendeiro Azul de Ponte Caldelas. O que fora vía de pescadores, levaranos a descubrir os antigos pasos de río nos coñecidos como Pasos da Fraga e algúns petos de ánimas da ruta de sendeirismo “das Almiñas” que conecta neste punto co Sendeiro Azul.
E, tras un completo día percorrendo algunhas das paisaxes máis singulares de Terras de Pontevedra, volvemos cara a costa para ver un dos exemplos máis interesantes de petróglifos ó carón do mar: o Labirinto de Mogor. Situado a escasos pasos das magníficas praias de Marín, este gravado luce se cadra aínda máis espectacular coa posta do sol, no que as liñas se acentúan e nos fan soñar con lendas de tesouros agochados e seres máxicos.
Esperamos que vos guste esta ruta e que vos axude a encher de ideas a vosa próxima viaxe por Terras de Pontevedra. #Adéntrate