Nos concellos de A A Lama, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa existen un gran número de rutas coas que descubrir paisaxes naturais, recursos etnográficos e praias inesquecíbles. Desde rutas etnográficas de tipo lineal, a curtos percorridos circulares, este territorio constitúese como un dos grandes destinos para os amantes do sendeirismo en Galicia.
Percorremos algún dos sendeiros máis longos para nos adentrar ó grande en Terras de Pontevedra:
GR-94 Rural de Galicia
O coñecido como sendeiro Rural de Galicia é unha vía deseñada para comunicar o Sur da comunidade con Santiago de Compostela. O percorrido de máis de 120 quilómetros, cruza a provincia polo interior, pasando polos concellos de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro a través de aldeas tradicionais, carballeiras e bosques nos que aínda se poden atopar cabalos salvaxes.
A ruta, que se pode facer en varias etapas, en nesta zona dificultade media-alta debido á orografía do terreo, pero se pode realizar practicamente todo o ano. A través dela, pódense visitar lugares de moito interés para o viaxeiro, como o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, a aldea de Cuspedriños e o seu campo da feira, a Carballeira de San Xusto, os enigmáticos petróglifos de Fentáns e distintas pontes antigas sobre os ríos Almofrei e Lérez.
Trazado en wikiloc: GR-94 Rural de Galicia
O Camiño de Santiago Portugués e as súas variantes
O Camiño de Santiago entra en Terras de Pontevedra a través da ponte de Pontesampaio, un lugar cargado de historia no que se librou a última batalla da Guerra da Independencia contra Napoleón en Galicia. Os seus dez arcos marcan un camiño que leva ó peregrino en dirección á cidade de Pontevedra, onde o espera o Santuario da Virxe Peregrina.
Trala visita á cidade e o merecido descanso, o camiño continúa a través do espazo natural protexido de A Xunqueira, tras o que o peregrino terá que decidir se segue a vía tradicional a través do concello de Barro e as fervezas do río Barosa ou se retoma a Vía Espiritual ou a variante do Pai Sarmiento, que percorren a costa a través de Poio e Combarro.
Máis información e rutas: Web Oficial Camino de Santiago
PRG-113 Pontes do Lérez
Nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei atópase unha gran ruta de 28 quilómetros que permite desfrutar dos Lugares de Interés Comunitario Val do Lérez e Serra do Cando; así como dos seus antigos camiños de paso que xa na Idade Media conectaban os mosteiros e as cidades de Santiago de Compostela e Ourense.
O seu nome obedece ó gran número de pontes e regatos que salpican a ruta, pero non son o único elemento de interese aquí: eiras de hórreos, muíños de auga, ermidas, cruceiros… amósannos o gran traballo dos canteiros da zona. A súa dificultade é media-alta pero pódese facer en pequenos tramos lineais e combinala con outras visitas de interese na zona ou coa observación de aves, mamíferos e reptís.
Trazado en Wikiloc: Pontes do Lerez
Camiño Real – Ruta dos Arrieiros
Na parroquia de Forzáns (Ponte Caldelas) arranca unha ruta tradicional que xa no século XV era usada polos arrieiros para transportar o viño dende Ribadavia a Pontevedra. Desde alí, este viño sería enviado a distintas parte de España e do sur de Europa para a súa venta.
Hoxe en día, as vías de comunicación son outras e os viños galegos xa se venden por todo o mundo, pero esta ruta tradicional é un importante percorrido para os amantes do sendeirismo. Polo camiño, igrexas parroquiais, muíños, hórreos e os veciños Petróglifos de Tourón, un dos grupos máis interesantes de gravados da provincia de Pontevedra.
Esta é, ademais, unha das poucas rutas de longo percorrido en Terras de Pontevedra que se poden facer integramente a pé, a cabalo ou en bicicleta, xa que parte do seu trazado coincide coa estrada e o resto do percorrido xa estaba preparado para o transporte de mercancías a pequena escala.
Cunha dificultade media, a ruta coincide parcialmente co antigo camiño real e finaliza na parroquia de Marcón (Pontevedra), nun trazado lineal.
Máis información: Ponte Caldelas
PRG-68 A Vía Escondida
Esta ruta circular de 17 quilómetros percorre o concello de Cerdedo-Cotobade bordeando os ríos Cabanelas e Lérez, por zonas de pasto e pistas forestais. É unha viaxe polas paisaxes máis tradicionais de Terras de Pontevedra e no que ademais poderemos desfrutar de dous dos petróglifos máis interesantes da zona: A Laxe das Coutadas e Portela da Laxe.
Atoparemos ó noso paso un grande número de hórreos, muíños de auga, pozas, cruceiros e fermosas panorámicas sobre Viascón e o interior da provincia. A súa dificultade é media.
Trazado en wikiloc: A Vía Escondida
Se buscas percorridos únicos e cargados de tradición, descubre máis sendeiros e rutas nos concellos de A Lama, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa nos Camiños Históricos de Terras de Pontevedra.
#Adéntrate en Terras de Pontevedra e os seus sendeiros únicos