skip to Main Content

Imprescindibles de Pontevedra: 7 plans para desfrutar da cidade do Lérez todo o ano

Qué ver en Pontevedra

A “Boa Vila” acolle a quen a visita, xa sexa a través do Camiño de Santiago, en busca da mellor gastronomía ou nunha tarde de compras e cafés nas súas rúas empedradas e animadas prazas. A capital das Rías Baixas conta con unha das zonas antigas mellor conservadas de toda Galicia e as súas rúas peonís fan que sexa considerada unha das mellores cidades do mundo para vivir, entre outros premios. Pero estes non son as únicas razóns para visitar Pontevedra.

Propoñémosvos 7 plans para desfrutar da cidade de Pontevedra e a súa contorna:

Vivir a cidade nas súas rúas e prazas

En Pontevedra todo está a un paso, por iso a mellor forma de descubrir a cidade é camiñando de praza en praza. Dende a praza do Teucro, que toma o seu nome do mítico fundador da cidade, ás prazas de Curros Enríquez ou de Méndez Núñez, a cidade amósanos o seu pasado fidalgo, con pazos barrocos e escudos nas fachadas.

Nas prazas da Leña e da Verdura, as súas terrazas, restaurantes e tabernas dan boa mostra da mellor gastronomía galega e o animado ambiente da cidade. Máis arriba, a praza da Ferrería e a súa fonte do século XVI abre o corazón de Pontevedra ó visitante, moi preto do convento de San Francisco e o Santuario da Peregrina.

plazas de Pontevedra

Polo camiño, numerosas esculturas conéctannos co pasado comerciante, mariñeiro e literario de Pontevedra. Dende o Fiel Contraste a un Valle Inclán pensativo, estas esculturas non só decoran as rúas, senón que nos falan do seu pasado, presente e futuro.

Ademais, conta cun importante comercio local e un dos mellores mercados da provincia. Na súa praza, o mellor pescado e marisco das Rías Baixas é preparado con dedicación polos seus peixeiros e peixeiras e pódese degustar ó momento nos cocedoiros que se atopan no mesmo edificio ou nos distintos postos de gastronomía local de “O Mercado”, o gastro-mercado do piso superior.

Buscar as orixes de Pontevedra dende Santa María a Maior

A comezos do século XVI o gremio de Mareantes de Pontevedra mandou construír en Pontevedra un templo dedicado a Santa María. A súa fachada, unha das pezas máis representativas do plateresco en Galicia, combina o relixioso co profano: Teucro, Hércules… incluso unha vista da cidade en pedra.

As claves que nos brinda este fermoso templo son aínda hoxe un misterio sen resolver: ¿foi a familia de Cristóbal Colón unha das promotoras da súa construción? ¿Son o mesmo Colón e Hernán Cortés os que se ven no seu rosetón? ¿Por qué leva San Xerome anteollos?

Santa María a Maior Pontevedra

Poucos metros máis abaixo, atópase o antigo barrio de A Moureira. Orixinalmente fora da muralla, durante a Idade Media constituíu un dos puntos neurálxicos de Pontevedra, cando o porto de Pontevedra era un dos máis importantes de Europa. Aquí foi construída a nave capitana Santa María, bautizada “A Galega”, que viaxou con Cristóbal Colón na súa primeira viaxe ó continente americano.

Tamén a poucos metros da basílica, atópanse outros dous puntos históricos de grande interese: por un lado, a coñecida como Casa das Campás, a casa máis antiga na cidade e donde as lendas contan que o temido pirata Benito Soto agochou os seus tesouros; e as antigas murallas da cidade, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).

E descubrir a historia e cultura de Galicia nos seus museos

Se o CITA nos permite descubrir como era cidade medieval e o sistema defensivo das torres arcebispais, o Museo de Pontevedra ofrécenos unha visión aínda máis ampla: dende a prehistoria á historia máis próxima de Galicia e España. O museo foi fundado en 1927 e os seus fondos repártense actualmente en seis sedes diferentes: o edificio Castro Monteagudo, o edificio García Flórez, o edificio Fernández López, o edificio Sarmiento, as Ruínas do Convento de Santo Domingo e o moderno Sexto Edificio.

Cab Museos

Entre os segredos que garda, o despacho do almirante Méndez Núñez e unha reprodución fidedigna da cámara da fragata Numancia atópanse entre as grandes sorpresas do museo para a maioría de viaxeiros. Unha tradicional cociña galega, a maior exposición de acibeche do mundo, cuantiosos achados das investigacións arqueolóxicas realizadas na provincia ou unha importante colección de pintura con artistas internacionais, españoles e galegos, fan que sexa todo un imprescindible en Pontevedra por propio dereito.

As ruínas de Santo Domingo, a un lado da Alameda, son un dos máximos expoñentes do gótico galego. Defendidas pola cidadanía da cidade de Pontevedra fronte os distintos intentos de derribo que se sucederon dende o peche do convento en 1840, foron o primeiro conxunto histórico en ser declarado Monumento Nacional en toda a provincia de Pontevedra e hoxe amosan no seu interior unha importante colección de escudos heráldicos, laudas gremiais, ronseles romanos e capiteis visigóticos.

Percorrer a Pontevedra verde 

Pontevedra non é só unha cidade amable co peón e as familias polo seu gran proxecto peonil, senón que tamén conta con cuantiosos espazos verdes nos que se relaxar ou pasear tranquilamente e desfrutar da natureza.

O punto verde máis coñecido da cidade probablemente sexa o conjunto que conforman a Alameda e os Xardíns de Vicenti. Esta área verde con esculturas de grandes personaxes conectados coa historia da cidade, contén algunhas das árbores senlleiras de Galicia. Ademais, un gran pombal, un parque infantil ou o palco da música, fan del un gran punto de encontro na cidade.

Xardíns de Vicenti

Na Praza da Estrela, entre o antigo convento de San Francisco e o santuario da Virxe Peregrina, atópanse os xardíns de Casto Sampedro. Este pequeno xardín de roseiras e camelias, contén a fonte do séculos XVI coñecida como a Fonte da Ferraría, do popular dito:

“Pontevedra é boa vila / dá de beber a quen pasa / a fonte da Ferrería / San Bartolomeu na plaza”

Non son as únicas áreas verdes de Pontevedra: a contorna do río e o Camiño de Santiago contan con distintas rutas de sendeirismo e espazos naturais protexidos nos que desconectar sen saír da cidade.

Desfrutar do río Lérez e da Ría de Pontevedra

O val do río Lérez é un dos espazos protexidos LIC e RedNatura 2000 de TerrasdePontevedra. A súa contorna natural de especial beleza tamén se pode desfrutar dende a cidade, seguido os pasos dos sendeiros do Lérez dende a súa desembocadura na ría de Pontevedra e cara o interior da provincia.

Aquí se atopa tamén unha das poucas praias do concello de Pontevedra: a praia fluvial do Lérez, lugar escollido para os pontevedreses para desconectar e practicar deportes de auga como o kayak. E o museo ó aire libre coñecido como Illa das Esculturas.

puentes río Lérez Pontevedra

E cara a entrada da ría, érguense os famosos pontes de Pontevedra: dende o medieval do Burgo ó moderno dos Tirantes, inaugurado en 1995. Un paseo pola súa diferente e premiada arquitectura é unha gran forma de descubrir as paisaxes da ría, con distintos miradoiros e unha impresionante posta de sol coa illa de Tambo ó fondo.

Conectar co camiño de Santiago

O camiño de Santiago tense definido en moitos sentidos a paisaxe da cidade de Pontevedra, dende o Santuario da Peregrina, emblema do camiño portugués, monumento nacional e patroa da provincia do Pontevedra, ós camiños que dan paso ós peregrinos que salpican as súas rúas ó longo de todo o ano. Pequenas luces no chan marcan a vía entre pazos e casonas de pedra, brillando día e noite.

A capela de forma de concha é unha das visitas imprescindibles para aqueles viaxeiros que buscan conectar aínda que sexa momentaneamente co camiño. Alí a Virxe, flanqueada polo apóstolo Santiago e San Roque, os tres vestidos de peregrinos xacobeos, dan a benvida á cidade. Unha vez alí, a subida das torres xemelgas proporcionan unha moi interesante vista da cidade desde arriba.

Volvendo algúns pasos cara atrás, o sendeiro do Río Gafos marca un bonito acceso natural á cidade nunha contorna de muíños de auga e un variado ecosistema natural que desemboca na cidade moi preto das estacións de autobús e de tren.

Xunqueira de Alba

No outro lado, o parque natural da Xunqueira de Alba, marca a continuación do camiño a través da principal zona húmida de todo concello e constitúe o maior espazo verde da cidade. É lugar de cría, alimento e descanso de máis de 130 especies de aves e tamén é o fogar de numerosas variedades de insectos, mamíferos, peces, anfibios e reptís.

Extra: A un paso da cidade de Pontevedra

O concello de Pontevedra conta cun bo número de puntos de interese fora da cidade de Pontevedra. Un deles é o lugar de celebración dunha das romarías de maior devoción de toda a provincia, o San Benitiño de Lérez do Monasterio de San Salvador. Fundado no século IX, do seu Colexio sairían algúns dos grandes mestres e investigadores de Galicia, entre os que se atopan Fray Martín Sarmiento e Fray Benito Feijoo.

No veciño Salcedo, pódese viaxar un pouco máis lonxe no tempo: os seus petróglifos foron dos primeiros en ser estudados en toda Galicia. O de Outeiro da Mina foi, ademais, o primeiro gravado publicado cunha representación gráfica, foi na “Historia de Galicia” de Manuel Murguía en 1901. Hoxe en día, pódense visitar a través dun sendeiro sinalizado que pasa tamén polas Cabanas Prehistóricas de Salcedo, unha recreación da vida dos habitantes do Neolítico.

Ponte Sampaio

Sen esquecer a magnífica ponte histórica de Pontesampaio, escenario da última batalla da Guerra da Independencia contra o exército de Napoleón en Galicia. Os seus dez arcos de pedra marcan a entrada do camiño de Santiago polo concello de Pontevedra e dan aceso a un dos pobos máis pintorescos de Terras de Pontevedra.

Ademais, Terras de Pontevedra conta con moitos atractivos para completar a viaxe a Pontevedra, nos veciños concellos de Marín, Poio, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Barro e Vilaboa. Descubre máis deste destino único, #Adéntrate en Terras de Pontevedra.

 

Tamén podes ler este artigo en formato PDF.

Back To Top