skip to Main Content

Desfrutar do Entroido: 4 personaxes imprescindibles do Entroido en Terras de Pontevedra

Entroido de Cobres Madamas e Galáns

¿Preparados para gozar do entroido? Música, humor e ironía son os ingredientes do entroido galego. Aquí en Terras de Pontevedra, o entroido toma forma a través en distintas celebracións e personaxes singulares, dos que hoxe vos traemos a 4 imprescindibles para gozar do entroido da provincia de Pontevedra. ¿Xa os coñeces?

O “loro Ravachol” en Pontevedra

En 1891 chegou á farmacia da praza da Peregrina coa rúa da Oliva, un novo papagaio que falaba en “lingua  vernácula”. De carácter  alborotador e irreverente, din que alardeaba dun vocabulario  cuartelero que utilizaba no momento menos “apropiado” e sempre que tiña ocasión. Por iso é polo que o seu dono, Perfecto Feijoo o bautizou co nome dun famoso anarquista, revolucionario e terrorista francés.

Pronto se fixo famoso na cidade, atraendo a todo tipo de personalidades, que tampouco se libraron das súas ironías. A casualidade fixo que o papagaio morrese pouco antes do entroido de 1913, xerando un duelo multitudinario e honras dende todos os estratos sociais.

En 1985, lembrando estes eventos, incorpórase ao entroido da cidade de Pontevedra como un dos seus símbolos diferenciadores. Nel, vístese cun crítico disfrace (ou causa perdida), que só se desvela o mesmo luns de entroido e que o acompañará ata o sábado.

O final das festas enmárcase nun velorio singular que substitúe ao popular enterro da sardiña e que é todo un imprescindible nas celebracións de Pontevedra.

Cando se pode desfrutar: A botica e os seus famosos faladoiros recréanse durante as celebracións de Entroido no centro da cidade de Pontevedra, xusto diante da súa localización orixinal, pero ademais recomendamos acompañar ás súas “viúvas”, vestidas de época para despedirse del, durante o sábado de entroido, no multitudinario “enterro do loro Ravachol”.

 

Loro Ravachol Terras de Pontevedra

 

O galo  Fodorico Augusto Bastante e os  choqueiros en Poio

O galo “ Fodorico” é a figura máis representativa do Entroido de Poio. Máis de 20 días de programación que percorren distintos puntos do concello, dende Combarro a San Salvador de Poio, e que inclúen dende degustacións de filloas a desfiles e festas infantís, así como os enterros do berberecho, o  mexillón, o Galo  Fodorico e o do Galo  Bruxo.

A figura do galo remóntase a unha vella tradición da Idade Media, que se mantivo ata o primeiro terzo do século  XX en distintas parroquias de Poio e que se recuperou nos anos 80.  Cada ano, decenas de persoas congréganse no primeiro desfile do ano para descubrir a que personaxe relevante do ano homenaxeará  Fodorico Augusto Bastante, que así se chama o galo.

Unha vez arrincado o entroido,  Fodorico preside as distintas actividades do concello ata o sábado de entroido, cando é incinerado e dá lugar á “Festa  do  Choqueiro”, unha celebración pensada para que todos os veciños e visitantes gocen do entroido sen necesidade de grandes orzamentos ou alardes. Xa que o do  choqueiro é, precisamente, un disfrace de andar por casa, realizado coas pezas de roupa vellas que cada un atopa na súa casa, configurando unha estampa orixinal e moi afastada dos alardes doutros entroidos nacionais e internacionais.

Cando gozalo: Fodorico está presente ao longo de todo o Entroido, encabezando os desfiles e as festas de cada parroquia. Máis que recomendables son as festas e degustacións de doces de entroido que teñen lugar ao longo do mes nos distintos puntos do concello, no que é coñecido como o entroido máis longo de Galicia.

loro Ravachol entroido

As  Madamas e Galáns de Cobres, Vilaboa

O entroido Cobres remóntase a principios do século  XVIII e foise transmitindo a través da tradición oral entre os seus veciños, de xeración en xeración.

Declarado de Interese Turístico de Galicia, este rechamante entroido no que os participantes se disfrazan coa cara descuberta, ten por personaxes principais ás  madamas e os galáns. Elas e eles, vestidos de branco e con  suntuosos chapeus, cintas e bixutería, percorren os distintos barrios de Santa Cristina e San Adrián de Cobres dende o sábado ao martes de entroido, acompañados por unha comparsa e realizando bailes nas distintas casas de cada parroquia.

Non son os únicos personaxes rechamantes deste entroido: os “de branco”, os aldeáns ou o predicador conforman unha festa peculiar e sorprendente que ten o seu día grande no martes de entroido.

Cando gozalo: O martes de Entroido, coa celebración de distintos xogos populares, actuación das  Madamas e Galáns, concurso de comparsas e fogos artificiais.

Entroido Vilaboa Cobres

Máis entroido en Terras de Pontevedra

Cada un dos concellos que compoñen Terras de Pontevedra realiza distintas e divertidas actividades para celebrar o entroido. Algunhas das máis curiosas son:

  • O famoso desfile de comparsas de Marín e a súa guerra do merengue
  • O domingo de  piñata en Carballedo, no que se celebra un concurso de disfraces que inclúe unha categoría propia para os choqueiros.
  • A  Festa do  Petote, que inclúe degustación de  lacón ou Cocido  do  Entroido tamén en Carballedo e nos distintos establecementos do concello de Cerdedo – Cotobade.

 

Descarga este artigo e lévao contigo, tamén en pdf

 

Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para  iOS e Android

Terras de Pontevedra ofrece numerosos atractivos para todos os viaxeiros. Atopa máis lugares únicos ou segue os itinerarios temáticos que atoparás na aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.

Descarga a  app para Android e  iOS neste link

Back To Top