skip to Main Content

Unha viaxe polo interior de Terras de Pontevedra: qué visitar en Cerdedo-Cotobade

A tan só 22 quilómetros da cidade de Pontevedra, atópase o concello de Cerdedo – Cotobade, un lugar de grande riqueza natural e patrimonial. Cruzado polo rio Lérez na súa parte norte e limitado ó este pola Serra do Cando, os seus mais de 200 quilómetros cadrados de extensión son o resultado da fusión realizada en 2016 dos concellos de Cerdedo e de Cotobade, a segunda fusión deste tipo que se produciu en España dende 1981.

O concello conta, ademais, con un importante calendario de festas gastronómicas e numerosas rotas de sendeirismo e BTT coas que explorar os espazos protexidos LIC Val do Lérez e LIC Serra do Cando. Pero, ¿que non te deberías perder no concello?

Neste artigo compartimos 7 imprescindibles para a túa próxima viaxe por Cerdedo-Cotobade:

1.- Monte Seixo e Portela do Alén
No cumio do Monte Seixo, practicamente no límite do concello, atópase un gran miradoiro con grandiosas vistas da provincia de Pontevedra. O xeo, a auga e o vento crearon aquí insólitas formacións rochosas, entre as que se atopa a coñecida como Portalén ou Porta do Alén.

A cultura popular sitúa aquí un antigo portal a outros mundos, dende o que é posible falar cos nosos antepasados, tras cruzala de norte a sur.

Preto de aquí, atópase a Capela de Santa María de Seixo. No veciño Cerdedo, antiga capital do concello, atoparemos tamén un tramo da calzada romana e unha ponte medieval ó pe da ermida de San Antón.

2.- As eiras
Pese a que os hórreos son un dos elementos mais representativos de Galicia, as eiras ou conxuntos de hórreos en zonas comunais, foron desaparecendo co paso do tempo para dar paso a outros tipos de construcións e explotacións do espazo común. O concello de Cerdedo – Cotobade conta con algunhas das mellor conservadas, catalogadas como bens patrimoniais.

Por un lado, a Eira da Pena, preto da Praza do Concello de Cerdedo, conta con 9 hórreos ó redor dun prado que antes se usaba para as mallas colectivas (golpear os cereais para desprender o grao.)

A tan só 7 quilómetros de Cerdedo, atópase a coñecida como Eira da Ermida ou de Filgueira. Con unhas magníficas vistas sobre do val de Quireza, este conxunto agrupa 21 hórreos en un moi bo estado de conservación, ó carón da ermida da Virxen dos Remedios e un cruceiro.

Xa en Pedre, a coñecida como Eira Grande, agrupa a 12 hórreos rehabilitados e, ó seu carón, outra eira mais pequena chamada Eira do Pallal.

eira da Ermida Filgueira Cerdedo Cotobade

3.- A Ponte de Pedre
Achegarse á ponte de Pedre é unha boa escusa para descubrir o rio Lérez na súa afluencia co rio Quireza. Sobre unha antiga vía romana que foi paso de peregrinos e viaxantes, a ponte foi reconstruída no século XIII e cóntase que foi o mesmo Pedro de Pedre, pai do Mestre Mateo quen a fixo.

O acceso á ponte entre carballeiras e soutos, tan solo acompañados polo son dos paxaros, conecta co sendeiro circular do Pontes do Lérez, de 28 quilómetros e nos levará á próxima aldea de Serrapio.

En Pedre, ademais da ponte e da Eira Grande, están uns petróglifos atopados recentemente. O acceso está sinalizado e pódese acceder a través dunha pista forestal.

4.- A peculiar aldea de Serrapio
Subidos enriba dunha inmensa rocha atópanse en Serrapio: unha ermida, un pombal, unha poza e dous cruceiros, restos dun antigo vía crucis. A estampa é, por si sola, chamativa, pero engádeselle unha das panorámicas máis impresionantes do val.

Con menos dunha ducia de veciños, os paxaros, as vacas e a natureza parecen fundirse aquí dende tempos inmemoriais.

Aldea de Serrapio que ver Cerdedo

5.- Os petróglifos de Fentáns
Seguindo pola estrada que nos trouxo a Serrapio cara o veciño concello de Campo Lameiro, atópase a aldea de Fentáns. Aquí, nun pequeno camiño sinalizado, é posible visitar mais de 300 gravados. Entre os mais senlleiros, están a Pedra das Ferraduras, a Laxe dos Cebros e o Couto do Rapadoiro.

A importancia destes gravados é tal, que o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro conta con unha reprodución de A Pedra das Ferraduras dentro da súa exposición permanente.

Na mesma parroquia de San Xurxo de Sacos, atópase tamén o conxunto de Outeiro do Lombo da Costa, considerado como o de maior envergadura da rexión. Neste atópase o petróglifo Laxe das Rodas, con cerca de 50 combinacións de círculos concéntricos, cérvidos de pequena envergadura e a Laxe do Cuco, con figuras de cérvidos, combinacións circulares e cazoletas.

Na veciña Viascón, tamén atopamos dous importantes grupos de arte rupestre: os petróglifos de Portela da Laxe e a Laxe das Rodas do Lombo da Costa.

6.- A Casa da Gaita
Berce dun dos grandes gaiteiros de Galicia, Ricardo Portela Bouzas, Viascón conta con un singular museo adicado á gaita de fol, a súa historia e os seus intérpretes. A exposición inclúe gaitas antigas e outros instrumentos musicais que tradicionalmente acompañaban ó seu son, así como numerosas fotografías e recursos multimedia que nos achegan á historia dos distintos instrumentos galegos e ós seus músicos.

O centro abre habitualmente de luns a venres, pero a entidade que o xestiona, a Asociación de Gaiteiros Galegos, organiza actividades e exposicións temporais en torno a este instrumento ó longo de todo o ano.

04 cotobade capela de san xusto

7.- Carballeira de San Xusto
A Carballeira de San Xusto é un tradicional punto de encontro á sombra de carballos centenarios e castaños. Este espazo está presidido por un cruceiro e una capela, cuxo presbiterio se remonta ó século XV e de romaría a principios de agosto.

O sendeiro de San Xusto, PR-G29, parte da capela, segue ata a espectacular Ponte Nova e continúa ata Fentáns e os seus petróglifos, coa opción de retornar por Cutián para realizar un recorrido circular. No camiño, atoparemos 8 muíños, os antigos Baños de San Xusto e frondosos bosques de ribeira e caducifolios autóctonos.

Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS e Android

Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para tódolos viaxeiros. Atopa mais lugares únicos preto de Cerdedo-Cotobade ou segue os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e desfrutar dun territorio inigualable.

Descarga a app para Android e iOS neste enlace

Lee este artículo en PDF.

 

 

Back To Top