skip to Main Content

Que ver en A Lama: 7 plans para desfrutar da natureza e das tradicións

Que ver A Lama

Resgardada polo máxico Monte Seixo, atópase unha terra de tradicións únicas e natureza desbordante chamada A Lama. Este concello, situado a menos de 30 minutos da cidade de Pontevedra, é un dos grandes favoritos para os amantes da natureza e o sendeirismo e ten moito que ofrecer ós viaxeiros.

Descubre algunhas das visitas e plans imprescindibles en A Lama:

A praia do río Verdugo

Moi preto da localidade de A Lama e as súas casonas de pedra, atópase unha das praias fluviais máis fermosas do interior da provincia de Pontevedra: a praia fluvial do Verdugo. De augas frías e cristalinas, a súa zona de baño e descanso conta con distintos servizos, entre os que están un quiosco, aseos e un merendeiro.

playa rio Verdugo

Ademais, tamén se poden atopar algúns establecementos de hostalaría, ós que se pode acceder cruzando o río a través da ponte do século XIX que enmarca a praia, e distintas rutas de sendeirismo como a coñecida como Ruta da Liberdade.

A aldea de “Conde Cabanelas”

Manuel Barreiro Cabanelas, coñecido como Conde Cabanelas, aínda que nunca recolleu o títulod e conde que lle otorgara a Raíña María Cristina, foi un deses galegos novos que xa no século XIX viaxaron ó continente americano en busca de fortuna. Con trinta e dous anos e tras converterse en “dono de media cidade” de Río de Janeiro e impulsar o que sería despois o Carnaval de Río, volveu á súa terra.

Conde Cabanelas aldea

Instalaríase de novo na aldea de Covelo para desenvolver un proxecto que axudase ós mozos e mozas da zona a non ter que verse obrigados a emigrar como lle sucedera a el. Deseñou un plan urbanístico co que se canalizaría a auga e construiría fontes novas. Tamén creou un grupo escolar onde se impartían clases de cantería ou bordado, e no que financiaba ós futuros mestres para que a súa labor permanecese no tempo. E financiou ás parellas novas que se instalasen na aldea, proporcionándolles vivenda e unha dote.

Do seu legado, queda en pe unha aldea peculiar de casas de pedra decoradas con esculturas e gravados de cantería, fontes, muíños e o alpendres. Unha visita diferente que fala en primeira persoa do pasado migrante de Galicia e da paixón dos galegos pola súa terra.

Carballeira das Ermitas

Entre a parroquia de Antas e a de Xende, atópase unha carballeira chea de maxia na que xa fai moitos anos se atopou unha imaxe da virxe esculpida na pedra. A imaxe levouse ata o veciño Santuario de Xende, pero cada vez que a levaban alí, volvía a aparecer milagrosamente no mesmo lugar onde tiña aparecido.

Carballeira das Ermitas

Na zona emanan distintas fontes, polo que tamén é coñecido como o lugar das 7 fontes. Estes mananciais, xunto coa visita da Virxe, que agora reside permanentemente neste lugar, son o centro de atención dunha gran romaría, que se celebra en Agosto e atrae a persoas de todo o mundo.

Santuario do Santo Cristo de Xende

Non moi lonxe das Ermitas atópase o importante santuario do Santo Cristo da Agonía de Xende. Cunha tradición que se remonta ó século XVII, ten a súa festa na fin de semana anterior ó Corpus Christi. Nela, os penitentes introdúcense nun ataúde aberto e procesionan co santo ó redor da igrexa.

Santo Cristo de Xende

No resto do ano, Xende non só atrae a devotos e curiosos, senón tamén a aqueles que buscan coñecer o seu interesante conxunto artístico, composto pola igrexa, a casa reitoral, o vía crucis, dous petos de ánimas e un interesante cruceiro policromado protexido por un fermoso templete.

Carballeira dos Prados

Pasada a aldea de Xesta, atópase outra bonita carballeira e nela, a capela da Virxe das Dores, do século XX. Nelas de celebran dúas grandes romarías: unha en honra á Virxe das Dores (Xuño) e outra en honra á Virxe de Guadalupe (Agosto), tradición que os emigrantes da zona incorporaron á súa volta.

Xesta Foxo do Lobo piscina fluvial

A poucos metros da capela, o río Xesta embálsase e crea unha área de baño fluvial de gran fermosura e augas transparentes. Por aquí pasa unha ruta de sendeirismo coñecida como do Foxo do Lobo e que ten o seu percorrido por un dos bosques de carballos e acevos máis grandes da provincia, ata un peculiar Foxo que os gandeiros da zona usaban para atrapar a estes animais e evitar que atacasen ós seus rabaños.

Fervenzas do Oitavén ou Fervenza de Liñares

Á altura de Liñares, o río Xesta cae en picado unhas ducias de metros ata unirse co río Parada. Da súa unión, nace o río Oitavén, que transcorre por unha zona de especial protección da Serra do Suído, pertencente á Rede Natura 2000.

fervenza Oitavén sendero rio Xesta

Seguindo a ruta de Sendeirismo “Tralos pasos do río Xesta” que inicia e termina nese lugar, permite descubrir a peculiar natureza da zona, así como fermosas pontes históricas, aldeas de arquitectura tradicional e antigos camiños que daban aceso ós muíños de auga da zona.

Petróglifos de Verducido

No concello de A Lama existen numerosos exemplos de arte rupestre agochados entre os seus marabillosos bosques. Uns dos máis significativos son o de Laxe de Val do Gato e o de A Laxe das Puzas, en Verducido.

A pé dende a igrexa da localidade, pola Ruta Cultural e Ambiental de Verducido (circular, 6,5 quilómetros) pódese acceder fácilmente á Laxe de Val do Gato, un dos mellores exemplos de gravados xeométricos de Galicia. O camiño levarnos a continuación por campos, regatos, pontes antigas como a de Anceu, canastros de pedra e madeira, bosques de carballos centenarios e o que foi o Camiño dos Arrieiros, que se empregaba para comerciar entre Ribadavia e Pontevedra.

Extra: O misterioso Monte Seixo

Fronteira natural de A Lama cos concellos veciños, o Monte Seixo elévase impoñente. Cunha natureza única, protexida mediante Rede Natura 2000 e pertencente ó LIC Serra do Cando, ten dado lugar a moitas lendas dende tempos inmemoriais.

Portalén A Lama

Aquí se atopan, por exemplo, a coñecida como porta do máis alá ou Portalén, o lugar onde se unen todos os ventos, o Marco do Vento, ou a lendaria Trentiñán, onde hoxe atopamos a capela de Santa Mariña. Lugares cheos de maxia e con algunhas das máis impresionantes vistas de toda Galicia.

 

Descubre máis recunchos únicos, #Adéntrate en Terras de Pontevedra

Tamén podes ler este artigo en formato PDF

Back To Top