O que hoxe coñecemos como o concello de Barro, formou parte no seu momento dun dos primeiros concellos constitucionais: o de Trasumia, que dependía da veciña Caldas de Reis. Hoxe en día é un moderno concello de interior no que podemos desfrutar dalgúns dos espazos naturais máis espectaculares de Terras de Pontevedra e de festas e tradicións únicas.
Descubre que ver en Barro e adéntrate en Terras de Pontevedra:
Parque da Natureza do Río Barosa
Un dos lugares imprescindibles que visitar en Barro é o Parque da Natureza do Río Barosa. Este singular complexo natural e etnográfico ten o seu maior expoñente a fervenza de 30 metros de desnivel e os dezasete muíños de auga que a acompañan na súa caída.
Unha ruta de sendeirismo de dificultade media permite descubrir non só os distintos muíños recuperados, senón tamén coñecer a grande biodiversidade da contorna, cun bosque típico de ribeira e unha rica variedade de musgos, algas e fentos.
Festa do Viño de Barro
Durante a segunda metade de Xuño, Barro celebra unha popular festa gastronómica que xa superou as 40 edicións. Nela, os produtores locais presentan os seus caldos Caíño e Albariño da denominación de Orixe Rías Baixas, nun importante certame enolóxico.
A festa vai acompañada de numerosos actos culturais, musicais e deportivos, así como eventos gastronómicos nos que degustar o mellor da gastronomía galega cunha importante “sardiñada”.
Pazo da Crega
Reconvertido nun espazo para a cultura e lugar de celebración das diferentes festas e eventos que enchen a programación de Barro, este Pazo é un interesante monumento. Coa configuración típica dunha grande casona galega, o edificio foi rehabilitado en 2008 para recuperar a súa beleza en pedra.
O espazo conta con distintos elementos tradicionais, como un canastro, un alpendre, un depósito de almacenamento de auga e unha bonita capela en honra a San Antoniño.
Igrexa de San Martiño de Agudelo
En Barro atópase un dos exemplos do románico galego mellor conservados de Terras de Pontevedra. Construída no século XII, conta cunha particular ábsida semicircular separada en cinco vans con tres ventás e unha portada orixinal, atribuída á escola do Mestre Mateo, na que se pode ver unha imaxe de San Martiño e o Agnus Dei.
Moi preto de aquí atópase A Chan do Monte Güimil, un antigo castro que foi no seu momento un dos máis grandes do suroeste de Galicia e está moi preto de outros xacementos como o de O Castelo de Agudelo ou o de Monte Redondo. Sobre da croa do castro atópase a capela dedicada a San Cibrán. A súa romaría ten lugar en Xullo.
Legoario de Perdecanai
Situado no que hoxe coñecemos como estrada nacional N-550, o Legoario de Perdecanai pasa totalmente desapercibido para a maioría de viaxeiros. Esta rareza erguérona no século XVIII para marcar en legoas unha rede de camiños que partía de Madrid e comunicaba distintas poboacións.
O curioso poste de granito con forma piramidal, está no Camiño Real que unía Santiago de Compostela con Pontevedra. Marcaba unha distancia próxima ós 7 quilómetros, o que nos permite coñecer o que por aquel tempo podía percorrer unha persoa nesta comarca en tan só unha hora (a cabalo), e contaba co seu propio reloxo de sol, que segue marcando aínda hoxe as horas para quen por alí pasa.
Dos 6 legoarios que se conservan do antigo percorrido, tres deles se poden ver en Terras de Pontevedra: este de Perdecanai e outros dous, un en Vilaboa (Figueirido) e outro en Cerponzóns (Pontevedra).
Ademais, preto do legoario atópase o aceso a Perdecanai. Na súa igrexa pódese visitar unha campá bicentenaria e, non moi lonxe desta, o Cruceiro de Triabá, do século XIX e cunha peculiar serpe enrolada, que foi mencionado por Castelao no seu libro “Cousas”.
Os petróglifos de Monte Bazar
No coñecido como Monte Bazar atópase un interesante sendeiro marcado de 3 quilómetros de lonxitude (circular) co que se poden visitar os distintos petróglifos de Barro.
Seguindo os carteis, dende o campo de fútbol, a través dunha pista de forestal, o camiño lévanos ata os gravados de Pedra Mirtada, Outeiro de Codeso e Castro Loureiro, que se caracterizan polos seus motivos xeométricos de círculos concéntricos, liñas e coviñas, un dos motivos máis típicos da arte rupestre galega.
Camiño de Santiago
O camiño de Santiago entra en Barro desde Pontevedra a través dunha pequena ponte de pedra que cruza o regato coñecido como O Rego do Cárcere e continúa case en paralelo á estrada nacional N-550 e ó río da Gándara. Ó seu paso: ríos, cruceiros, bosques autóctonos, viñedos, pequenas aldeas e o Parque da Natureza do Río Barosa e a súa magnífica fervenza.
É, sen dúbida, un dos tramos máis fermosos do Camiño Portugués ó seu paso pola provincia de Pontevedra e constitúe unha imprescindible ruta de sendeirismo para quen queira descubrir as paisaxes máis tradicionais do concello de Barro.
Descubre máis recunchos máxicos nas Rías Baixas. #Adéntrate en Terras de Pontevedra
Tamén podes ler este artigo en PDF