skip to Main Content

Que ver en Campo Lameiro, ademais do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR)

Que ver en Campo Lameiro

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro é un dos grandes imprescindibles que visitar para os viaxeiros que veñen ó sur de Galicia. Cunha das maiores concentracións de petróglifos de Europa, o concello de Campo Lameiro ten máis atractivos que merece explorar de camiño ó parque. ¿Xa os coñeces todos?

 

1.- Mirador de Moraño

Os montes que rodean o concello de Campo Lameiro están habitados por manadas de cabalos salvaxes, que percorren os bosques e carballeiras libremente. Un dos sitios dende onde se poden observar estes cabalos, se a sorte acompaña, é o Mirador de Moraño, en O Campo (San Miguel).

Pero non é a única razón para achegarse ata aquí, en días claros ofrece unha boa vista do val do río Umia, ata a mesma ría de Arousa. Por aquí pasa, ademais, a Rota de Painceiros, unha das seis rutas de petróglifos que se poden atopar fora do PAAR.

Mirador De Moraño

 

2.- Castro de Penalba

A área de Penalba, no cumio do monte Agüeiros, conta cun dos castros máis antigos de Galicia, datado entre os séculos VIII e o VII a.deC. Aínda que non ten sido reconstruído, pódese observar a simple vista a muralla de pedra que contiña a terraza inferior, así como a estrutura superior, coroada pola ermida de San Antoniño de Penalba ea famosa Pedra da Serpe, que merece mención aparte.

Pero Penalba, ademais de pola súa importancia cultural e arqueolóxica, tamén conta cunha área recreativa con mesas, fontes e incluso unha gran construción para abrigar ós fieis que a visitan cada 12 de Xuño. A romaría, en honor a San Antón, é unha das de maior tradición en Campo Lameiro.

Castro Penalba

 

3.- A pedra da Serpe

Ubicada no cumio do Castro de Penalba, a poucos metros da ermida de San Antoniño, atópase unha gran losa granítica cun gravado en forma de serpe, duns dous metros de longo. A superstición conta que, na noite de San Xoán, as parellas sen fillos deberán achegarse ata esta rocha e usala de cama, deixando ó seu paso unha cunca de leite para que beban as serpes.

Máis aló de lendas e supersticións, este gravado de principios da cultura castrexa, é un dos de máis fácil identificación, puidéndose ver incluso en días soleados, e a súa posición regala unha gran panorámica sobre o concello e o val do Lérez a quen o visita. Unhas pasarelas de madeira facilitan o acceso ata alí.

Pedra Da Serpe Campo Lameiro

 

4.- A rotea de Mendo

A uns 600 metros do pé do Castro de Penalba, aínda que con sinalización escasa, atópase a coñecida como Laxe da Rotea do Mendo. Este importante petróglifo é coñecido por representar a figura dun gran cervo macho bramando. Xunto a el, numerosos gravados rupestres, como círculos concéntricos e outros cérvidos. Ademáis, no extremo esquerdo, atópanse algunhas figuras máis recentes, como dúas bailarinas.

A gran rocha conta con dous pasarelas na súa parte inferior, que son de obligado uso para evitar que os gravados se sigan desgastando, sendo moitos deles de difícil observación coa luz de sol alta e media.

Como é de supoñer, non se trata do único petróglifo que se pode visitar fora do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Na sección de arte rupestre da web pódense atopar indicacións para o resto de estacións do concello.

 

5.-Área recreativa de Lodeiro

A coñecida como área recreativa de Lodeiro, en San Miguel do Campo, é unha bonita paraxe natural na que descansar e repor forzas para continuar explorando o concello de Campo Lameiro.

Área recreativa de Lodeiro

Aquí, na confluencia do río Lérez con río maneses, atópase unha praia fluvial con merendeiro e rodeada dun frondoso bosque de ribeira. Conta coa peculiaridade de que algunhas das árbores conservan indicadores que permiten coñecer as distintas especies autóctonas da zona.

 

6.- Sendeiro do río Maneses

Partindo da área recreativa de Lodeiro, inicia unha ruta circular coñecida como Sendeiro do Río Maneses ou PR-g 230. Este sendeiro sinalizado, conta cunha lonxitude de 8,6 quilómetros, puidendo realizarse un tramo máis curto de forma lineal dende a área recreativa de Lodeiro ata o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, de menos de 3 quilómetros e por unha paisaxe de grande valor natural e cultural.

Polo camiño, atopamos distintos muíños, algúns deles restaurados, pontes tradicionais e un bonito bosque de ribeira que forma parte da Rede Natura 2000 – LIC Val do Lérez.

Rota Rio Maneses

7.- O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre

Entre os imprescindibles que ver en Campo Lameiro non podía faltar o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre. Deseñado como un gran parque nas que visitar algunhas das estacións máis representativas da arte rupestre da península ibérica, conta con distintos percorridos, áreas de descanso, fontes, a recreación dun poboado da Idade de Bronce e un centro expositivo que conecta todo o conxunto.

Tanto os 3 quilómetros de itinerario ó aire libre, como a exposición, pódense visitar por libre con axuda dos folletos e guías dispoñibles na taquilla do parque. Pero tamén se pode desfrutar dunha visita guiada nas fines de semana de marzo a Outubro, ou a diario en tempada alta. Ademáis, pola noite e ó solpor das fines de semana no verán, a mellor forma de percibir os sucos nas rochas.

O parque oferta para as familias, obradoiros didácticos e visitas teatralizadas en distintos momentos do ano. Os horarios e calendarios están dispoñibles na web do parque ww.paar.es Recoméndase reserva previa.

Parque Arqueolóxico Arte Rupestre

¿Esquecéusenos algún imprescindible de Campo Lameiro? Cóntanos cal é, nos comentarios.

 

Tamén podes baixar e ler este artigo en PDF neste enlace.

 

Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android

Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para tódolos viajeiros. Atopa máis lugares únicos ou segue as rutas temáticas coa app móvil para descobrir algún dos tesouros mellor gardados de Galicia e desfrutar dun territorio sen igual.

Descarga a  app para Android e iOS neste enlace

Back To Top