500 anos despois da primeira incursión de Cristóbal Colón en América, a súa orixe e historia son aínda hoxe un misterio. ¿Xenovés? ¿Catalán? ¿Corso? ¿Galego? Son numerosas as teorías que teñen intentado definir unha ou outra nacionalidade.
En Galicia, o historiador Celso García de la Riega foi un dos grandes defensores da orixe galega do navigante. Na súa tese, presentada ante a Sociedad Geográfica de Madrid o 20 de Decembro de 1898, situaba a súa familia na provincia de Pontevedra. Percorremos Terras de Pontevedra a través da súa figura:
A Casa Museo Colón
En Porto Santo, Poio, atópase a coñecida como Casa da Cruz. Diante dela, un cruceiro que antigamente tiña escrito “Juan Colón, 1490”. Neste lugar atópase hoxe a Casa Museo Cristóbal Colón, un espazo onde se amosan as teses do Colón galego.
Centos de documentos auténticos que proban a residencia de familias co apelido Colón en Pontevedra, todas elas relacionadas co gremio dos Mareantes. Cartas náuticas, películas e un bo número de curiosidades que nos axudarán a imaxinar como era a rexión na Idade Media, cun dos máis importantes portos de Europa.
Como curiosidade, moi preto de aquí atopábase a coñecida como Finca A Puntada, a cal pertenceu ós Duques de Veragua, descendentes acreditados de Cristóbal Colón.
A Moureira e a Nao Santa María
Moi preto do río Lérez, no que no seu momento foi o “extramuros” da cidade de Pontevedra, atópase aínda hoxe o antigo barrio mariñeiro de A Moureira. Nela vivían os membros do Gremio dos Mareantes e dende aquí non só saían barcos de pesca e comerciantes que repartían os seus produtos por todo o mundo, senón que tamén se construíron magníficas naves.
A Santa María, nao capitana que xunto coas dúas Carabelas realizaron a viaxe do descubrimento de 1492, era coñecida como A Galega e, por este motivo, distintos historiadores sitúan a súa construción nos estaleiros de Pontevedra. Nela viaxaba a persoa de Colón, tal e como se le na narración de Gonzalo Fernández de Oviedo no Arquivo de Indias. O feito de que fose dedicada a Santa María, que era a parroquia separada do Gremio de Mareantes, reafirmaría este dato.
Hoxe en día xa non queda nada do que no seu día foron os Estaleiros de A Moureira, pero aínda se poden descubrir algunhas casas de orixe medieval no barrio homónimo, unha visita interesante de camiño ó noso seguinte punto da ruta.
Santa María A Maior
Levantada polo Gremio dos Mareantes de Pontevedra na primeira metade do século XVI, a basílica de Santa María a Maior atópase nun promontorio que domina o paso do río Lérez.
Foi dedicada á patroa do barrio da Moureira, Santa María, e nos seus muros de pedra atópanse algunhas claves que nos achegan ó Colón galego: os bustos dun suposto Cristóbal Colón e de Hernán Cortés decoran a fachada por baixo do rosetón. Ademais, entrando pola porta sur, atopamos no primeiro altar unha inscrición na que se indicaría que o mesmo foi levantado pola familia Colón.
A Virxe da O
Contan as crónicas das viaxes de Colón que durante a primeira viaxe deuse a orde de engalanar as naves e conceder como día festivo o 18 de decembro de 1492, día no que se conmemora a Virxe da O, patroa da cidade de Pontevedra.
Aínda que a popularidade da imaxe da Peregrina, patroa da provincia de Pontevedra, parece eclipsar a Santa María da O, a imaxe conta cunha importante devoción na cidade. A súa imaxe atópase na igrexa de San Bartolomé.
San Bartolomé é un dous poucos exemplos que existen en Galicia do Barroco italiano. Foi consagrada en 1714 e no seu interior, ademais da patroa da cidade, pódense ver retablos e esculturas de grandes artistas como Pedro de Mena, Gregorio Fernández ou Bieito Silveira.
Escultura a Colón
Rodeadas de especies únicas de árbores, fontes e áreas de descanso, as estatuas dos Xardíns de Vicenti fálannos do mar e dos grandes navegantes da provincia de Pontevedra. Aquí atopamos ó contraalmirante Méndez Núñez, que deu a primeira volta ó mundo nunha fragata blindada, ou Paio Gómez Chariño, militar e poeta pontevedrés que destacou pola súa participación na toma de Sevilla en 1248.
Aquí se atopa tamén a escultura de Cristóbal Colón, elaborada por Juan Sanmartín y Senra en 1892. Orixinalmente se atopaba no Pazo de Lourizán, que entonces era propiedade do ex-presidente do Consello Montero Ríos. Pero no ano 1959 o Concello de Pontevedra decidiu engadilo ó resto de navegantes de renome que decoran os Xardíns de Vicenti no centro da cidade.
O Bosque de Colón
En 1992, con motivo da conmemoración do quinto centenario da primeira viaxe de Cristóbal Colón a América, o goberno dos Estados Unidos decidiu facer un presente ó pobo español. Este regalo chegaría na forma de 500 exemplares novos de sequoias vermellas, que hoxe son o principal atrativo do coñecido como Bosque de Colón.
Nada se sabe de quen foi o impulsor que propuxo a Poio, nin que fixo que finalmente se decantaran por esta localización de entre todas as posibles. Pero cos anos este lugar converteuse nun recuncho único que nos recorda a irmandade entre os pobos e o papel dos navegantes galegos no descubrimento de novas rutas de navegación ó longo e ancho do mundo.
Festa de Colón en Combarro
Cada ano, a singular aldea de Combarro e os seus hórreos mirando ó mar viaxan no tempo para reivindicar a orixe poiense de Colón. Actuacións musicais, cabaleiros, mesoneiros e unhas espectaculares vistas da ría de Pontevedra, combínanse na que é unha das grandes festas de finais da tempada de verán.
A Illa dos Ratos, Porto Santo, Punta da Moa…
Existen numerosos accidentes xeográficos na costa de Galicia con nomes que pasan totalmente desapercibidos ó viaxeiro pero son coñecidos a pulso polos mariñeiros. Lugares como Punta da Moa en Marín, moi preto dos petróglifos e a praia de Mogor, ou como a Illa dos Ratos en Campelo, teñen a súa réplica en Cuba ou Porto Rico, entre outros lugares, desde as primeira viaxes do navigante.
Non son os únicos, animámosvos a descubrir a conexión entre os nomes dos distintos recunchos de Terras de Pontevedra e as viaxes de Cristóbal Colón.
Descubre máis recunchos únicos nas Rías Baixas, #Adéntrate en Terras de Pontevedra.