skip to Main Content

Terras de Pontevedra con nenos: Ideas e actividades para futuros científicos

planes para futuros cientificos Pontevedra

A grande riqueza natural, cultural e arqueolóxica de Terras de Pontevedra fai que sexa tamén nun gran punto de interese para os científicos nacionais e internacionais. Hoxe traémosvos unha proposta diferente con nenos: percorreremos lugares únicos dende os que gozar aprendendo sobre a nosa fauna e flora, o traballo dos arqueólogos ou como se moven as estrelas polo firmamento.

¿Comezamos?

1.- Observatorio astronómico de Cotobade

Ao carón da Serra do Cando, no Monte Coirego, atópase unha cúpula de 4 metros dende as que a Asociación Sirio organiza visitas para nenos e maiores para aprender a observar os obxectos celestes a través do telescopio.

Cada sábado, realízanse visitas guiadas de 45 minutos nas que poderemos aprender observando a través dos equipos avanzados, pero tamén a primeira ollada. A cita ten lugar tras a posta de sol e sempre que teñamos ceos despexados, sendo imprescindible a reserva previa a través da páxina web.

¿Qué levar? Reserva a través da web, ganas de aprender e roupa de abrigo, xa que adoita facer moito frío, mesmo nos meses de verán.

 

2.- Aula da Natureza de Cotorredondo

O parque de Cotorredondo é un gran punto de lecer da provincia de Pontevedra. Cada fin de semana, sendeiristas, apaixonados da bicicleta e familias con nenos reúnense neste espazo para gozar ao aire libre da natureza.

Vilaboa 3

O que non todos saben é que no parque existe unha Aula da Natureza que realiza actividades para grupos escolares, asociacións e calquera outro colectivo que queira descubrir máis sobre a natureza das Rías Baixas. Dende roteiros arqueolóxicos a roteiros botánicos ou percorridos para identificar os rastros e sinais dos animais que habitan e percorren o parque ao longo do ano, os futuros biólogos e arqueólogos gozarán con novos ollos este espectacular parque entre Marín e Vilaboa.

Reservas a través da páxina do parque

 

3.- Centro de Investigación Forestal – Pazo de Lourizán

O Pazo de Lourizán, a medio camiño entre Marín e o centro da cidade de Pontevedra, é un edificio do século XIX, de aire romántico e estilo modernista. Foi a residencia estival de Montero Ríos, quen fixo construir os seus espectaculares xardíns entre finais do século XIX e principios do XX.

Pazo de Lourizan Sófora japonesa

Na metade do século XX estes xardíns transformáronse nun gran parque botánico, co fin de investigar e experimentar sobre o crecemento das plantas e os bosques, e que conta na actualidade con máis de 850 especies, procedentes de todo o mundo. Entre estas especies, atópanse 7 árbores catalogadas como Árbores Singulares de Galicia:

  • Cedrus libani – Cedro do Libano
  • Metasequoia glyptostroboides – Metasecuoia (especie que se considera extinguida dende 1941)
  • Corylus avellana – Abelá
  • Cryptomeria japonica – Criptomeria xaponesa
  • Sequoia sempervirens – Secuoia vermella
  • Sophora japónica “Pendula” – Sófora xaponesa
  • Castanea crenata – Castiñeiros xaponeses e chineses

Existen distintos roteiros para visitar os xardíns, que se poden realizar de luns a venres en horario de 8 a 15 horas con acceso ao aparcadoiro e durante todo o ano a través do acceso peonil. Ademais, pódense reservar visitas guiadas en horario de mañá chamando ao 986 80 50 00.

Máis información e direccións: Pazo de Lourizán

4.- Misión Biolóxica de Galicia

Situada en Salcedo, a medio camiño entre a cidade de Pontevedra e Vilaboa, a Misión Biolóxica de Galicia é un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) adscrito á área de Ciencias Agrarias. Nela analízanse os principais cultivos da rexión, como o millo, a xudía, a vide e os carballos.

Aínda que non se pode visitar habitualmente, durante as celebracións da Semana da Ciencia, organizan numerosas actividades na cidade de Pontevedra para achegar o papel dos investigadores científicos e os seus descubrimentos a nenos e adultos.

Misión Biologica de Galicia CSIC

5.- Parque dos Sentidos de Marín

Os máis pequenos da casa tamén poden descubrir xogando algúns grandes conceptos científicos, mentres se divirten no coñecido como o Parque dos Sentidos ou Granxa de Briz, en Marín.

Dende o parafuso de Arquímedes que dá a benvida a pés da escultura da xirafa no estanque da entrada á ladeira dos sentidos, onde o tacto, o oído ou o olfacto poñen a proba a nosa curiosidade e creatividade.

Parque dos Sentidos Granxa de Briz

Máis información e direccións: Granxa de Briz

6.- Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

Máis aló dos espectaculares petróglifos que se sitúan ao aire libre no Parque Arqueolóxico, o gran espazo expositivo que fai de antesala á visita é un gran centro dende o que descubrir como traballan os arqueólogos e que enigmas escóndense tras os gravados na pedra.

O parque organiza, ademais, distintos talleres para grupos e visitas escolares de distintas idades, nas que os máis curiosos poden aprender xogando a ser arqueólogos e mesmo formular as súas propias teorías. A reserva é imprescindible pero pódense gozar ao longo de todo o ano.

Mais información na web do parque www.paar.es e na ficha do parque arqueolóxico

 

Enigmas por resolver Campo Lameiro

 

Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android

Terras de Pontevedra ofrece numerosos atractivos para todos os viaxeiros. Atopa máis lugares únicos ou segue os itinerarios temáticos que atoparás na aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.

Descarga a app para Android e iOS neste enlace

 

PDF

Tamén podes descargar e ler este artigo en PDF

Back To Top