O territorio que comprende Terras de Pontevedra ofrece centos de plans para desfrutar durante todo o ano: desde cear no centro de Pontevedra e percorrer as pontes do río Lérez en Cerdedo-Cotobade e os camiños de pescadores de Ponte Caldelas, a gozar da gastronomía no singular Combarro e das praias de Marín e Vilaboa, ou pasear entre os petróglifos de Campo Lameiro.
Pero, ademais de todos estes imprescindibles, a axenda énchese de actividades ao longo do ano, con numerosas festas e celebracións, pero tamén cos cambios de estación, que transforman a paisaxe ao longo e ancho do territorio.
Estes son algúns plans imprescindibles para gozar de Terras de Pontevedra, mes a mes:
Xaneiro
Tras as festas, énchense ríos e afluentes, formando algunhas fervenzas espectaculares nos ríos Lérez e Verdugo e os seus afluentes. Recoméndase precaución e calzado adecuado para a auga, xa que nalgúns casos o caudal do río asolaga campos de cultivo e camiños.
Para os que viaxan con nenos e os menos aventureiros, existen numerosos museos por toda a provincia nos que gozar explorando. Pintura, Música, Historia, Arqueoloxía… son só algunhas das opcións para gozar cando chove.
Febreiro – Marzo
O Entroido é o rei os meses de febreiro e marzo. Organízanse numerosas actividades para todas as idades nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Marín, Ponte Caldelas e Campo Lameiro, incluíndo comparsas e degustacións gastronómicas para probar os doces e pratos típicos destas festas.
Pero se hai que escoller un lugar para gozar do entroido, este é Vilaboa, onde as Madamas e os Galáns toman as rúas para celebrar unha das festas de maior tradición histórica de todas as Rías Baixas. Non quedan atrás Pontevedra e o seu papagaio Ravachol ou Poio, cun dos entroidos máis longos de toda Galicia.
Ademais dalgunhas festas gastronómicas que nos axudarán a combater o frío destes meses, entre as que destacan a Festa do Caldo Galego de Mourente (Pontevedra) á Festa do Petote de Cerdedo-Cotobade e a do Bolo do Pote de Marín.
Abril
Tras a chegada da primavera, son moitos os recunchos que ofrecen unha paisaxe espectacular e colorida. Desde o sendeiro das Pontes do Lérez (Cerdedo-Cotobade), ao Sendeiro Azul do río Verdugo (Ponte Caldelas) ou o Parque de Cotorredondo, gozar da natureza é a actividade favorita dos habitantes da provincia de Pontevedra.
Tamén é un bo momento para preparar os prismáticos e gozar das aves e animais salvaxes que percorren noso os espazos protexidos LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) Enseada de San Simón, LIC Serra do Cando e LIC Río Lérez.
Maio
Chegan os Maios a Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa. As súas celebracións e decoracións cheas de flores ofrecen unha paisaxe diferente nas cidades e vilas, que atrae cada ano centos de viaxeiros e veciños.
Pero se hai unha celebración que se volve multitudinaria neste mes é a da troita en Ponte Caldelas, na que se celebra o concurso internacional de pesca que atrae a competidores de distintos países e que transforma a paisaxe do río Verdugo ao seu paso pola localidade. Ademais, durante esta festa pódese degustar este peixe en numerosas preparacións, tanto nos restaurantes da zona como na carpa da festa, que ofrece unha degustación popular.
Xuño
Co mes de xuño, chega a Mostra do Viño de Vilaboa. Co cambio de data, este certame vitivinícola atrae a preto duns 15 colleiteiros da zona, incluíndo ás adegas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo, selo de calidade dos viños que se producen en Terras de Pontevedra.
Outra feira peculiar para gozar este mes é a de Cuspedriños (Cerdedo-Cotobade). Ambientada na metade do século XX, esta feira proponnos revivir os anos 50-60 a través da que foi unha das súas feiras gandeiras máis importantes. Produtos artesanais, gastronomía, agricultura e gando son só algunhas das cousas que se poden atopar alí.
Coa calor asomando, tamén é un bo momento para gozar das praias, que aínda que contan con menor afluencia de público, ofrecen unhas paisaxes únicas polas que pasear. E das festas de San Xoán, que percorren tanto os pobos de costa como o interior de Pontevedra.
Xullo e Agosto
Co verán chegan algunhas das festas de maior tradición en Terras de Pontevedra. Entre as relixiosas, a da Virxe do Carmen, que percorre todos os portos da rexión, á de San Bieitiño de Lérez (Pontevedra) son as raíñas do mes de xullo. Xa en agosto, aos centos de festas patronais únense as Festas da Peregrina, todo un imprescindible na cidade de Pontevedra, tanto polas súas celebracións relixiosas como polo gran programa de actividades e eventos culturais que a acompaña.
En canto ás festas gastronómicas, as máis populares son probablemente a Festa da Cigala de Marín en xullo e a Festa do Mar en Combarro (Poio) en agosto.
Ademais, arrincan as visitas guiadas nocturnas no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e nos petróglifos de Mogor (Marín), unha das formas máis espectaculares de gozar dos gravados que tanto caracterizan á nosa rexión.
Setembro
Co final do verán non acaban as festas e celebracións nos concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Vilaboa e Cerdedo-Cotobade. Son numerosas as festas gastronómicas, como a dos callos en A Seca (Poio), a da ameixa en Campelo (Poio) ou a do mel en Pontevedra.
Aínda que se hai que destacar dous eventos, estes son os das festas de San Miguel en Marín e a Feira Franca en Pontevedra, ambos as de Interese Turístico de Galicia. Na primeira, a súa tradicional Danza das Espadas e o coñecido como San Migueleiro son dous dos imprescindibles para a maioría de viaxeiros e locais. Na segunda, vestirse con roupas medievais e gozar dos mercados, actividades e espectáculos son xa tradición nunha das grandes citas da cidade de Pontevedra.
Outubro – Novembro
Outubro e Novembro son, xunto coa caída das follas e a transformación das paisaxes de montaña, meses dedicados á gastronomía. Desde a festa da mazá e a sidra de Marín (Outubro) á do caracol (Cerdedo – Cotobade) ou os numerosos magostos que se organizan en cada un dos concellos, maiores e nenos reúnense para gozar das bondades do noso territorio.
Ademais, celébrase en Pontevedra a feira gastronómica Etiqueta Negra, onde se reúnen os principais produtores de produtos gourmet de Galicia para dar a coñecer os mellores produtos da nosa terra máis aló das cociñas dos grandes chefs.
Tamén se celebra nesta época o Samaín, a festa de orixe celta que celebra a transición do verán ao inverno e un dos momentos en que sería máis fácil transitar do mundo dos mortos ao dos vivos, segundo a tradición. Numerosas actividades, especialmente dirixidas ós máis cativos, son as protagonistas nun día cheo de misterio e arrepíos.
Decembro
Decembro énchese de luz para preparar as celebracións do Nadal e o fin de ano. Dende Mercados de Nadal a carpas de xogos infantís, son numerosas as actividades para realizar en familia. As prazas, alamedas e concellos énchense de luz, transformando as nosas cidades e pobos en cada un dos concellos de Terras de Pontevedra.
Descarga este artigo en PDF
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS e Android
Terras de Pontevedra ofrece numerosos atractivos para todos os viaxeiros. Atopa máis lugares únicos ou segue os itinerarios temáticos que atoparás na aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste link