LIC Río Lérez
O Lugar de Importancia Comunitaria río Lérez ten o seu nacemento nunha das zonas máis chuviosas da Dorsal Montañosa Galega, que separa as provincias occidentais das orientais (neste caso Pontevedra e Ourense), concretamente na Serra do Candán, onde a media de precipitacións anuais supera amplamente os 2.000 mm.
O río Lérez fai a súa entrada nas Terras de Pontevedra por Cotobade e Campo Lameiro, para atravesar Pontevedra até a desembocadura da ría. O Lérez atravesa a provincia de Pontevedra de lado a lado a través dos seus 57 quilómetros de lonxitude, discorrendo por un val encaixado caracterizado por unha litoloxía a base de xistos, granitos e gneises. Cómpre salientar os fermosos bosques de ribeira formados á beira do río a base de freixos e bidueiros, xunto aos carballos e rebolos das ladeiras. A vexetación chega ás abas do val concretada en uces e toxos, tan característicos deste entorno.
En canto á fauna, as augas do Lérez acollen, entre outros, troitas e salmónidos en xeral, ademais doutros animais como lontras, rás… O entorno do río destaca así mesmo pola importante variedade de paxaros que acolle, entre os que atopamos a rapina cincenta, cotovías, avenoiteiras cincentas, falcóns peregrinos, picanzos vermellos, alavancos reais, azores, mouchos de orellas, andoriñas das barreiras, fulepas amarelas, etc. Xunto a outros animais tamén voadores como distintas especies de morcegos, libélulas… Sen esquecer réptiles coma a salamántiga galega ou o lagarto das silvas.
Ligazóns de Interese
TURGALICIA:www.turgalicia.com
CONCELLO DE PONTEVEDRA:www.pontevedra.gal
CONCELLO DE CAMPO LAMEIRO: www.campolameiro.com
CONCELLO DE COTOBADE:www.concellodecotobade.org
CONCELLO DE VILABOA: www.vilaboa.org
TURISMO RIAS BAIXAS:turismoriasbaixas.com