LIC Serra do Cando
O Lugar de Interese Comunitario Serra do Cando ocupa unha superficie de 5.458 hectáreas, e abrangue nas Terras de Pontevedra o municipio de Cotobade.
Cunha altitude media de 712 metros, a Serra do Cando, de clima atlántico, constitúe unha zona de media montaña caracterizada pola súa peculiar vexetación. Combina superficies de mato e afloramentos rochosos nas partes máis altas con pequenas carballeiras e bosques de ribeiras, integrados fundamentalmente por freixos e bidueiros.
A espléndida paisaxe de serra convídanos á súa recreación nos excelentes miradoiros naturais tanto desde os altos das montañas, como sobre as terras prelitorais que adiantan o litoral das Rías Baixas.
En canto á fauna específica da Serra do Cando, entre outros, atópanse paxaros como a pica papuda, a pica dos prados ou a das árbores, ademais doutros animais como lagarteiros, pedreiros cincentos, papuxas montesas, saramagantas ou lagartos das silvas.