Pontevedra é unha cidade idónea para gozar desta actividade, o simple feito de comprar convértese nunha boa opción que se ve ademais favorecida polas numerosas rúas peoniles e pola vitalidade do pequeno comercio xa que a diferenza doutras capitais provinciais e cidades de tipo medio en Pontevedra non se deron facilidades á instalación de grandes superficies.
Aos poucos esta oferta comercial se ha ir diversificando e ampliando, acadando hoxe un forte empuxe que converte á cidade nun centro de atracción para toda a comarca. O comercio pontevedrés caracterízase, ademais de por a súa calidade, pola súa gran variedade.
Destacan dúas zonas comerciais no conxunto da cidade: o centro histórico e o ensanche. O primeiro cos seus 70.000m2 constitúe a maior superficie comercial galega situada nun casco antigo. Zona especializada no comercio minorista tradicional aos que se suman novos locais con novas tendencias. A oferta é moi ampla, destacando calzado, confección, artesanía e viños.
No centro e ensanche concéntrase boa parte dos comercios da cidade e as propostas han ir aumentando considerablemente coa implantación de recoñecida marcas e franquías que a fan, se cabe, máis atractiva. Como núcleos principais destacan a contorna da igrexa de Peregrína, con varias galerías comerciais e rúas como Benito Corbal, Castelao, Oliva ou Cruz Gallástegui aínda que en calquera rúa do centro descubrirá boas suxestións e atractivos comercios.