skip to Main Content

Centro Histórico Combarro

Nomeado ‘Conxunto de Interese Artístico e Pintoresco’ en 1972, o centro histórico de Combarro, situado fronte á Illa de Tambo, é visita obrigada para todo aquel que se achegue a coñecer Poio. O visitante non pode perderse o encanto deste pobo mariñeiro, que ten constancia documental desde o seculo XII.

A orixe de Combarro é moi antiga. No ano 1105 Combarro e a illa de Tambo foron doados pola raiña dona Urraca e o Conde don Raimundo ao Mosteiro de Poio.

As vivendas dispóñense en torno a un eixo lonxitudinal, a rúa de San Roque, da que saen outras rúas máis pequenas que descenden até o mar. Distínguense tres tipos diferentes de casas: a terreña, a labrega, e as de sobrado, todas elas de dimensións moi parecidas e formadas por unha planta baixa e un piso, no que se sitúan os seus particulares balcóns.

Pero o elemento máis salientábel do conxunto son os máis de 30 hórreos que se dispoñen en torno á costa, e que forman un dos maiores conxuntos de Galicia. A función destes hórreos de almacenamento apórtanos a imaxe dun pobo no que o agrícola e o mariñeiro se mesturan formando un conglomerado particular.

Tamén cabe subliñar os numerosos cruceiros dispostos entre as pequenas rúas empedradas, elementos relixiosos populares que, xunto aos hórreos, forman parte da paisaxe tradicional galega.

Direccion
Dirección
Coordenadas
Acceso
Acceso
Info Util
Info útil
Back To Top