Santa María do Campo é de finais do s. XII e principios do s. XIII, de estilo románico algo serodio. Desta época conserva no interior un arco triunfal, rudo, estreito e apuntado, a través do que se accede ao presbiterio. Nunha segunda fase de construción, no século XVI, realízase a nave de estilo barroco. Posúe unhas magníficas pinturas murais (góticas). Pertenceu á Encomenda de San Xoán.
A Igrexa de Santa María do Campo conserva boa parte da súa primitiva traza románica, aínda que o que hoxe é visible é o resultado de sucesivas reformas en varias épocas. A parte máis antiga corresponde ao actual testeiro ou cabeceira, de pranta cuadrangular e cuberta de madeira, no que se abre unha xanela con arco de medio punto, enmarcado por unha sinxela moldura de dentes de serra. A este testeiro, e aproveitando os materiais da igrexa primeira, se engadiuse cara o século XIII un corpo mais grande, dunha soa nave, e de pranta rectangular, comunicado co testeiro mediante un arco triunfal.
Na decoración exterior destacan os canzorros con figuras de animais e humanas, dispostos ao longo do aleiro, e o agnus dei que remata o pincho. Na portada ten dous arcos de medio punto simples dobrados e hai restos de inscricións. Coroa a fachada unha espadaina que fai as veces de campanario.
Ao retirar hai uns anos un retábulo, apareceron decorando os muros do altar maior unhas interesantes pinturas. Datadas no século XV-XVI, amosan rasgos estilísticos máis ben propios do gótico. A un lado e outro da xanela do testeiro (con arquiños de ferradura) hai representada unha anunciación. Á esquerda, o arcanxo Gabriel, e á dereita a Virxe xunto a unha torre que lle serve asemade de atril. No alto, hai unha representación do Pantocrator, rodeado dun medio nimbo, dende o que descende a pomba do Espírito Santo.