Seleccionar os atractivos turísticos segundo o que che apeteza facer, con quen veñas, ou en que época do ano, é algo que de seguro resolverán de forma amable os técnicos da Oficina de Turismo de Casal de Ferreirós, unha antiga casa grande emprazada a beira da PO-308 no lugar de Andurique que constitúe un lugar de referencia para os viaxeiros que percorren Poio, Combarro e as Rías Baixas.
O edificio sitúase no lugar de Andurique (Avda. Andurique, 43), na parroquia de San Salvador do municipio de Poio. Emprazado a beira da PO-308 é perfectamente visible a calquera persoa que desexe visitalo, situado nas inmediacións dunha zona de recente construción e de expandemento con multitude de construción de novas vivendas, con acceso directo desde a estrada PO-308.
O edificio está rodeado de terreo pertencente ó mesmo e sobre el desenvolvese un espazo adicado a xardín, ó que se accede desde a planta baixa que está o mesmo nivel do solo natural. Tratábase dunha típica construción rural de elevado rango social, que sen chegar a ser un Pazo o imitaba, trátase dunha casa grande na que ademais de situarse a vivenda albergaba a instalación gandeira.
O edificio configúrase en dous volumes, unha planta en forma de L. Ámbolos dous realizados en materiais tradicionais, valos portantes de fábrica de pedra e forxados de madeira. A superficie construída por planta é de 200 metros cadrados e o acondicionamento da instalación adaptouse ás necesidades actuais dun equipamento público, salas polivalentes para exposicións e conferencias, dotándoa de tódolos servizos necesarios para a correcta habitabilidade da mesma.
A súa fachada principal orientase ó noroeste e presenta unha construción, ó igual que o resto da edificación, realizada en fábrica de pedra e cachotería nun estado de conservación boa.
Na actualidade o inmoble forma parte do patrimonio do Concello de Poio e está destinado a Oficina de Información Turística. Conta tamén con salas polivalentes para exposicións, conferencias, presentacións e proxeccións, sala de reunións e departamento dedicado a servizos informáticos e de administración.