Desde a estrada de Ponte Caldelas cara á Lama pola PO-532, preto dun coto moi frecuentado por pescadores, atópase un dos lugares máis fermosos do Verdugo. Trátase dunha encrucillada fluvial formada por unha serie de antigos pasos ou poldras nos que persoas e reses atravesaban o río outrora: os Pasos da Fraga.
Para acceder aos “pasos” é necesario coller PO-532 dende Ponte Caldelas cara á Lama e tomar unha desviación indicada como Pasos da Fraga, que descende cara ao Río Verdugo. Desconcerta un pouco ao chegar ao final pois ollamos o río, pero despois tócanos percorrer un fermoso camiño amurallado entre carballos e perderse polas ribeiras do Verdugo e os regatos arredores.
Para chegar ata A Fraga hai que atravesar primeiro o Rego dás Costiñas, onde atopamos uns pasos moi antigos que continúan ata os do Río Verdugo. Estes conservan intacta a súa forma orixinal e mostran unhas grandes pedras desgastadas polo paso durante séculos da xente que atravesaba o río. Un pouco mais adiante veremos os que cruzan o Verdugo. Estes tiñan mais extensión pero foron reformados.
Un dos elementos que mostra a pasada importancia desta encrucillada fluvial é o peto de ánimas coñecido co nome de “Almiñas do río”. O peto, de dous corpos, presenta un retablo de madeira policromada que representa a San Antonio liberando as almas do Purgatorio, e ten un pedestal que sostén unha cruz de ferro.