Entre os moitos ríos que descorren polo concello de Ponte CaldelasTerras de Pontevedra, adquire unha especial importancia o río Verdugo, co que se atopa fondamente vinculado.
O río Verdugo atravesa a vila e o municipio de Ponte Caldelas deixando nas súas beiras unha fermosa vexetación de ribeira que medra ao abeiro das súas augas cristalinas. Durante o seu percorrido atopamos elementos singulares que conforman un poema para os ollos e os oídos do visitante. De especial importancia son os Pasos da Fraga, os Pasos do Verdugo, e a Praia fluvial da Calzada, de gran afluencia no verán. Tamén se conserva na marxe do río, á saída do casco urbano, os restos do que foi o antigo Balneario de Ponte Caldelas.
Os ‘pasos’ permiten vadea-lo río no antigo camiño Ponte Caldelas – A Lama. Para chegar aos Pasos da Fraga debemos tomar a saída de Ponte Caldelas en dirección á Cañiza e, antes de chegar a Caritel, tomar o desvío da esquerda a ‘As Fragas’, seguindo o coto de pesca chegaremos a ‘Os Pasos’. A beleza deste lugar non radica unicamente na curiosidade destas ‘pasarelas’, senón tamén nos muíños, petos de ánimas e, por suposto, a magnífica paisaxe fluvial que se ergue ante os ollos do visitante.
De inigualábel beleza natural son as fervenzas coas que nos agasalla o río Verdugo, no lugar de A Roca, pero ao que deberemos acceder pola outra beira do río. Para poder visitalas desde o núcleo de Ponte Caldelas, haberá que partir dirección a Pontevedra e tomar a esquerda por Cuñas até atopar, a uns 2 quilómetros aproximadamente, a central hidroeléctrica. Desde alí, remontando o río con certa dificultade entre grandes penedos, o visitante obterá a súa recompensa na magnífica paisaxe que configuran as fervenzas.