Mar e río danse a man neste roteiro de costa e interior que nos levará desde a fermosa praia de Lourido ata o Mosteiro de San Xoán de Poio, unha construción relixiosa de orixe medieval ocupada hoxe en día pola orde mercedaria e declarada Ben de Interese Cultural desde o ano 1971.
Deixaremos o coche no aparcamento da Praia de Lourido e dirixirémonos cara á praia. O primeiro que podemos ver desde o paseo é o pequeno piñeiral dunar situado xusto detrás da mesma. Baixando á praia as vistas ofrécennos unha espectacular panorámica da Ría de Pontevedra coa illa de Tambo como clara protagonista. Se temos sorte e o horario do noso roteiro coincide coa baixamar, non será difícil observar ás xentes do lugar exercendo o marisqueo, en busca das prezadas ameixas e berberechos que medran nos bancos areosos desta zona da ría.
Abandonando a praia dirixirémonos cara ao porto e a praia de Campelo. Durante o camiño seguiremos o paseo que transcorre pegado á costa onde os piñeiros ofrecen sombra ao camiñante nos días de máis calor. Pasaremos por tres miradoiros equipados bancos para descansar e gozar das fermosas vistas sobre a ría.
Chegando ao porto de Campelo deterémonos uns minutos para contemplar o monumento en homenaxe á muller mariscadora realizado sobre pedra de granito.
Dornas e chalanas adornan coas súas cores azuis, brancas e vermellas e as augas do porto. Á altura da praia, baixaremos pola rampla de pedra que nos permite continuar o roteiro pegados á costa pola chamada Senda da Ostreira. Ata aquí chega o primeiro dos tramos accesibles para persoas con mobilidade reducida, xa que ao final da praia faise necesario subir un pequeno tramo de escaleiras. O seguinte tramo adaptado iníciase á altura do miradoiro ao que nos diriximos e que é posible acceder por estrada desde o interior.
O sendeiro de terra serpentea acompañando a liña costeira ata alcanzar o miradoiro do Illote dos Rato, un lugar idóneo para observar unha gran variedade de especies de aves acuáticas que aproveitan o lugar para descansar sentíndose seguras sen ser molestadas: garzas reais, garcetas, gaivotas, corvos mariños, mazaricos, andarríos, etc.
Deixando atrás este punto de interese ornitolóxico avanzamos pola senda acubillados baixo diferentes especies arbóreas, sobre todo piñeiros, loureiros, carballos e eucaliptos.
A Senda da Ostreira finaliza nunha pequena ponte de madeira que cruza o Rego da Cancela. Deixando a nosa esquerda o parque da Seca continuaremos o noso camiño cara á dereita, un cartel de madeira infórmanos que aquí comeza o roteiro dos Muíños da Freixa.
Aos poucos metros de principiar esta nova ruta atopámonos co primeiro grupo de muíños. Visitaremos en primeiro lugar os tres que aparecen agrupados nun espazo reducido pola beira esquerda, os seus nomes dino todo, trátase do muíño de Abaixo, o do Medio e o de Arriba. Un enxeñoso sistema de canalización aínda visible hoxe en día desviaba a auga do río no seu día cara ao máis alto dos muíños, auga que sucesivamente pasaba polos dous restantes ata volver de novo ao seu leito natural.
Volvendo ao sendeiro, unha pequena ponte de pedra permítenos cambiar de beira e visitar o muíño que completa este grupo inicia de catro, o seu nome, como os anteriores, é en grao sumo descritivo, ”Ou Muíño da outra banda” (o muíño do outro lado).
Durante uns poucos metros o roteiro discorre encaixado entre rochedos, pero pronto, e tras salvar un pequeno desnivel o camiño suavízase e discorre paralelo a pequenas leiras de cultivo.
O seguinte muíño que nos atopamos no camiño é o coñecido como Muíño da Bufa, o máis destacable é a gran canle de pedra pola que en tempos se alimentaba de auga e que aínda se conserva en bastante bo estado.
Entre carballos e amieiros o roteiro continúa atravesando o bosque de ribeira seguindo o leito do río ata chegar ao último par de muíños, os de Gramalla e Casanova. Chegados a este punto un camiño ascende a man dereita en dirección á estrada. Ao chegar á primeira intersección dirixirémonos á esquerda segundo o sentido da marcha pola Rúa do Castelo ata chegar á intersección coa estrada comarcal C-308. A poucos metros un paso de peóns permítenos cruzar a vía e continuar o camiño cara ao Mosteiro de San Xoán de Poio pola Rúa do Cesteiro. A escasos 250 metros abandonamos esta rúa e collemos un desvío a man esquerda, a Travesía do Muíño, un camiño que posúe o último tramo cun precioso empedrado polo que outrora circularon moitos carros de colleita…, non en balde o gran hórreo que se atopa detrás do mosteiro é, grazas aos seus 123,13 metros de superficie, o de maior amplitude de toda Galicia.
De regreso ao mosteiro, é preciso destacar a fermosa fachada e o retablo de estilo barroco da súa igrexa, o claustro das procesións do século XVI cunha marabillosa bóveda de cruceiría e unha bonita fonte barroca no centro do patio. Xunto a eles, un magnífico mosaico de máis de 80 metros de longo e 200 metros cadrados de superficie, deseñado por A. Machourek, que sintetiza o Camiño de Santiago, e unha fantástica biblioteca composta por máis de 120.000 volumes, entre os que destacan varios incunables, un exemplar da última das biblias políglotas impresas (1657), ou un dos libros máis pequenos do mundo!
E aquí termina este percorrido, para volver ao punto de inicio será necesario desfacer o camiño andado.
“Bonus track”
A cinco quilómetros e medio do Mosteiro de San Xxoán de Poio (pouco menos dunha hora e media andando e pouco máis de dez minutos en coche) atópase un maxestoso bosque de sequoias coñecido como o Bosque de Colón. Trátase dun arboreto relativamente recente, de principios dos anos 90, un agasallo do goberno americano dirixido por aquel entón por George Bush con motivo do quinto centenario da chegada de Colón a América, cuxas sequoias simbolizan os lazos de irmandade entre o vello e o novo mundo.
- UTM: 29 T 523873 4700813
- XEOGRÁFICAS: 42° 27′ 33″/ -8° 42′ 34″
E xa que falamos de Colón, e collendo o coche (20 minutos), paga tamén a pena achegarse a Casa Museo de Colón, si, casa, xa que hai moitos documentos que avalan a teoría de que o famoso almirante era de orixe galega, nado en concreto nesta bela localidade de San Xoán de Poio. Se decides acudir ao museo seguro que alí cho explicarán todo polo miúdo.
- UTM: 29 T 528125 4697605
- XEOGRÁFICAS: 42° 25′ 48″/ -8° 39′ 29″