skip to Main Content

Salinas do Ulló – Vilaboa

Salinas Do Ullo Lilaboa 26

Este roteiro de Terras de Pontevedra polas Salinas do Ulló percorre a liña de costa da enseada de San Simón polo termo municipal de Vilaboa nun camiño sen apenas pendente e afastado da estrada, polo que resulta moi adecuado para realizar con nenos. Ademais, boa parte do seu percorrido atópase adaptado e resulta accesible para persoas con mobilidade reducida. Ao longo da mesma poderemos gozar de catro ecosistemas diferentes: o bosque de ribeira acompañando aos regatos que verten as súas augas doces á marisma, o carrizal ou zona de estancamento destas augas doces, a marisma, con augas salobres froito da converxencia da auga oceánica coa de orixe continental, e por último a enseada, onde as augas son prácticamente salgadas debido á súa orixe fundamentalmente mariña. Todo iso dentro dunha Zona de Especial Conservación ( ZEC) dos valores naturais, a Enseada de San Simón.

Principiaremos o percorrido desde o propio aparcamento das salinas. Saíndo do mesmo e sen dirixirnos cara á enseada, tomaremos dirección cara á dereita, camiñando durante uns 150 metros pola beiravía peonil sinalizada en cor azul no pavimento da estrada. Pronto colleremos un desvío á dereita. Seguindo esta dirección penetraremos nun camiño flanqueado polo bosque de ribeira ao fondo, onde abundan os amieiros e diferentes especies de aves paseriformes como o camachuelo, e xa pegado ao camiño pola dereita o carrizal (lugar de cría do rascón). Pola parte esquerda atópase xa a marisma, un lugar no que poderemos observar diferentes tipos de aves acuáticas en busca de alimento, como garzas ou garcetas, mesmo se temos sorte, pode que tamén o colorido e veloz martín peixeiro.

Este tramo duns 500 metros é practicamente recto, e ao final do mesmo atoparemos un cartel que nos indica a dirección que é precido tomar para acceder ás ruínas da antiga granxa das salinas, unhas instalacións construídas a finais do século XVII polos xesuítas para facilitaro abastecemento de sal ao Reino de Galicia, que por mor dos conflitos bélicos co veciño Portugal precisaba dela. A granxa é hoxe en día un lugar sorprendente do que se foi apoderando a natureza aos poucos tras o seu abandono. Durante a visita ao lugar deberemos gardar as necesarias medidas de precaución, xa que o ruinoso estado da mesma así o require. A gran lareira de pedra do edificio principal non deixa indiferente a ninguén.

Salinas Do Ullo Lilaboa 03
Salinas Do Ullo Lilaboa 05
Salinas Do Ullo Lilaboa 07
Salinas Do Ullo Lilaboa 08
Salinas Do Ullo Lilaboa 09
Salinas Do Ullo Lilaboa 11

Abandonaremos a antiga granxa descendendo polo camiño que nos conduciu a ela e camiñaremos en dirección ao gran dique de pedra do século XIX, unha asombrosa estrutura de case 350 metros de lonxitude que servía para embalsar a auga durante as pleamares na enseada e desembalsala coa baixamar a través das aberturas que aínda se conservan na beira oposta, e que formaron parte no seu tempo do xa desaparecido muíño de mareas. Alí, a forza da corrente movía os rodicios que facían virar as moas facilitando a moenda.

As vistas desde o dique son asombrosas, coas illas Alvedosas ao fondo, no centro da ría. Desde este lugar pódese gozar tamén da observación dun elevado número de especies diferentes de aves acuáticas, como corvos mariños, garzas, garcetas, gaivotas, andarríos, virapedras ou diferentes especies de anátidas, como as cercetas comúns, os patos azulóns, o pato cullereiro ou o ánade silbón entre outras. Non resultará tampouco complicado localizar un pequeno grupo de cisnes que foron introducidos hai anos no lugar e que se adaptaron perfectamente a esta contorna sen abandonala desde entón.

Cruzaremos a pé o dique e avanzaremos uns 100 metros polo paseo que bordea a enseada ata toparnos cunha intersección na que tomaremos a dirección que conduce cara a dereita. Bordeando unha pequena enseada achegarémonos ata o bonito Miradoiro das Salinas do Ulló, un agradable lugar acondicionado con bancos e cunhas privilexiadas vistas ideais para gozar da paisaxe e de riqueza ornitolóxica deste enclave privilexiado.

Seguiremos por este camiño que discorre pegado ao mar rodeando Punta Ulló ata ou seu punto final, á altura da ponte da estrada nacional xusto na desembocadura do río Ulló.

Desde este lugar iniciaremos o camiño de regreso. Para iso retrocederemos sobre os nosos pasos ata toparnos de novo co recinto de acoutado polo gran dique de pedra. Nesta ocasión, non cruzaremos o dique senón que seguiremos o noso camiño pola dereita bordeando a enseada. Ao chegar á intersección coa estrada viraremos á esquerda para retornar ao aparcamento das salinas.

Salinas Do Ullo Lilaboa 12
Salinas Do Ullo Lilaboa 14
Salinas Do Ullo Lilaboa 15
Salinas Do Ullo Lilaboa 17
Salinas Do Ullo Lilaboa 18
Salinas Do Ullo Lilaboa 20

“Bonus track”

Como complemento ao roteiro anterior, e a moi pouca distancia poderemos realizar unha segunda parte ou roteiro complementario, dando lugar ao que en gastronomía coñecemos como un “mare e monti”… un percorrido circular de 4,3 km de distancia e 88 metros de desnivel máximo.

Falamos do roteiro de Pedra Miranda. Para iso, dirixirémonos ata a cercana Canteira da Lapa, a escaso quilómetro e medio do aparcamento das salinas (4 minutos en coche ou 20 camiñando).

  • UTM: 29 T 531242 4688911
  • XEOGRÁFICAS: 42° 21′ 6″/ -8° 37′ 14″

Aos pés desta antiga canteira existe hoxe en día unha pequena lagoa que paga a pena visitar. Cumprido este primeiro requisito, iniciaremos a marcha subindo por unha pista de terra que arrinca xusto detrás do edificio que se haxa na canteira. A medida que ascendemos déixanse ver os distintos niveis ou terrazas de extracción. Pronto chegaremos a unha bifurcación desde a que veremos un depósito de auga a man dereita, esta será a dirección que tomemos en dirección á Pedra Miranda.

O sendeiro que atravesa este pequeno monte diríxenos ata a aldea de Cacheiro. Seguimos sempre as indicacións marcadas, e tras atravesar o lugar, ao chegar á saia do outeiro viraremos cara á dereita. A escasos 50 metros abandonaremos a estrada para dirixirnos cara o monte a través dun camiño que fai un marcado cóbado coa mesma. Camiñamos entre carballos e piñeiros, e nos cruces que nos imos atopando polo camiño colleremos sempre o da esquerda. Tras pasar por unha zona abondosa en castiñeiros pronto aparecerá ante nós a Pedra Miranda, unha curiosa formación natural a base de grandes bloques de pedra que forman unha especie de cova. A gran sorpresa levarémonola ao acceder ao seu interior, onde a erosión, traballando como por encantamento ao longo de moitos séculos foin desgastando a rocha que serve de teito, formando unha especie de colmea de pedra dividida en multitude de celas… hai que miralo para contalo!

Xusto en fronte da famosa pedra háxase un fantástico miradoiro natural cunhas vistas inmellorables sobre a enseada de San Simón, paga a pena subir a comprobalo.

Desde este lugar iniciaremos o camiño de regreso á canteira, pero a non máis de 200 metros faremos unha nova parada nun segundo miradoiro natural, esta vez sinalizado. Tras gozar das marabillosas vistas que éste nos ofrece, proseguiremos co descenso pola estrada, e na primeira intersección coa que nos topemos seguiremos pola nosa esquerda. Á altura das primeiras vivendas que se cruzan no noso camiño de descenso atoparemos unha nova intersección, neste caso seguiremos pola dereita. Seguindo sempre o camiño cara abaixo, chegará un momento que demos coa estrada máis importante do lugar, e ao chegar a unha pequena encrucillada de camiños seguiremos polo primeiro que aparece á nosa esquerda para acceder a unha estreita estrada que nos conducirá de regreso á canteira.

  • UTM: 29 T 531059 4689135
  • XEOGRÁFICAS: 42° 21′ 13″/ -8° 37′ 22″
Direccion
Dirección
Punto de inicio e final: Aparcamento das Salinas do Ulló
Coordenadas
Punto de inicio e final:
UTM: 29 T 530261 4689191
XEOGRÁFICAS: 42° 21' 15"/ -8° 37' 57"
Acceso
Acceso
Tipo: Circular.
Distancia: 5,8 km.
Info Util
Info útil
Dificultade: Baixa
Tempo estimado (I/V): 2 horas 30 minutos
Accesibilidade: Accesible
Desnivel máximo: 17 m
Época recomendada: Todo o ano
Recomendacións: Calzado de montaña no caso de optar por facer tamén o Bonus Track (de dificultade media)

Usa a nosa xeoguía

Introduza a dirección do punto de partida indicando rúa, cidade e estado. Exemplo: Gran Vía 7, Madrid, España. Se o nome da súa rúa non é recoñecido polo sistema poña o código postal de orixe en lugar da dirección da rúa.

Back To Top