Esta ruta das Sendas do Lérez permitiranos chegar dende a cidade de Pontevedra a unha pequena presa do río Lérez situada na parroquia de Bora, dentro dun percorrido que transcorre íntegramente dentro dun Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) declarado como Zona de Conservación especial (ZEC) en 2014. Falamos de sendas, en plural, xa que é unha ruta que se pode facer desde calquera das dúas beiras do río, ben pola marxe dereita, moito máis suave e humanizada (con posibilidades de acceso para persoas con mobilidade reducida en parte do seu percorrido) ou ben pola marxe esquerda, cun perfil máis difícil e accidentado, especialmente en certos tramos. Porén, existe a posibilidade de unir os dous itinerarios para realizar o que sería unha ruta circular sen ter que volver desfacendo o camiño tal e como veremos máis adiante.
Aparcaremos o noso vehículo na avenida de Bos Aires, desde onde nos dirixiremos ata a gran pasarela metálica que permite cruzar o río cara a Illa das Esculturas. Sen cruzala, comenzaremos a camiñar cara á Praia do Fluvial do Lérez, un fermoso areal de río no que poderemos gozar dun agradable baño ao regresar á cidade de Pontevedra se o tempo acompaña.
Seguindo polo paseo e sen baixar á praia, a uns 250 metros deviarémonos del por unha pasarela de madeira que veremos a nosa esquerda para seguir o camiño habilitado a carón do río.
Neste punto, as augas do Lérez flúen paseniño debido á influencia das mareas, é o lugar coñecido como “salóns do Lérez”, tramos ensanchados do río nos que aumenta o caudal, una zona na que abondan os carballos e outras árbores típicas do bosque de ribeira. Nesta parte inicial do noso percorrido poderemos observar os restos do edificio que albergou un dos mananciais do que foi un magnífico e famoso balneario a principios do pasado século, o Balneario da Vila Buenos Aires “Aguas del Lérez”
Continuando coa nosa ruta, pronto chegaremos a un par de pasarelas metálicas que permiten ao camiñante o paso á outra beira do río, dous lugares fantásticos para ver o río desde outra perspectiva, a vista de dron. A primeira atópase xunto ás ruínas do balneario e a segunda uns 300 metros máis adiante, xusto despois de pasar a fervenza que conta cunha estrutura construída para facilitar o remonte do río aos salmóns que acoden a desovar no curso alto do Lérez.
Proba da importancia biolóxica deste lugar é a presenza de varias especies protexidas, entre elas, e ademais do propio salmón, é preciso mencionar a lamprea, o mexillón de río, a ra das veigas, a píntega rabilonga e o lagarto das silvas, a libélula Macromia splendens e diversos mamíferos como o desmán ibérico ou mesmo a lontra.
Ao longo dos seguintes 2.000 metros de percorrido as augas do Lérez son cada vez máis sonoras por mor dos rápidos e do menor calado do río. A ruta continúa sempre paralela á beira baixo as polas das árbores propias do bosque de ribeira e dos carballos ata chegar á fervenza de Bora que marca o final da ruta.
Para retornar ao punto de inicio temos dúas opcións, ou voltar desfacendo o camiño que acabamos de percorrer, ou enlazar coa senda que discorre pola beira oposta voltar por alí. Se optamos por esta segunda opción, continuaremos polo camiño de terra, e despois dun pequeno ascenso chegaremos ata a estrada nacional N-541. Camiñando con coidado pola beiravía, a uns 200 metros cruzaremos unha ponte sobre o río Almofrei e tomaremos o desvío que aparece a esquerda. Chegando a unha gran rotonda, deixaremos a estrada nacional para dirixirnos cara ao río camiñando pola beiravía da estrada rexional PO-224. Extremando as precaucións atravesaremos unha estreita ponte sobre o Lérez, e ao chegar a seguinte curva, baixaremos cara ao río a altura do refuxio que veremos á esquerda.
Atopámonos de novo camiñando pola beira do Lérez. Por esta banda do río o camiño é máis estreito facéndose inaccesible para persoas con mobilidade reducida, con varios tramos de fortes pendentes que requiren bo estado físico para salvalos sen dificultade.
Durante esta viaxe de regreso poderemos observar pequenos lugares con acumulacións de area aproveitadas nos meses de verán polos bañistas máis intrépidos para gozar do baño lonxe do mundanal ruido…
A senda chega ao seu fin por esta outra beira fronte á praia fluvial. Chegados ata este punto agárdanos unha nova sorpresa en forma de arte e natureza. Falamos da “Illa das esculturas“, un lugar no que en 1999, e con motivo do Ano Santo Compostelán, unha ducia de artistas de renome internacional deixaron o seu selo persoal en forma de esculturas e intervencións realizadas en pedra.
Despois deste tempo de lecer dedicado á arte contemporánea volveremos á pasarela metálica que xa se mira ao fondo, rematando deste xeito unha nova ruta polas Terras de Pontevedra.
“Bonus track”
Se aínda tes enerxía e ganas de máis, a tan só 1.300 metros da pasarela atópase o Espazo Natural de Interese Local da Xunqueira de Alba, un entorno marismeño dunhas 70 hectáreas con camiños acondicionados que goza duns extraordinarios valores de biodiversidade, entre eles, máis de 170 especies de plantas e 133 de aves, 43 de bolboretas diúrnas, 14 de odonatos, 10 de anfibios, 7 de réptiles e 13 de mamíferos.
Para chegar ata a xunqueira só tes que seguir o paseo pola beira dereita do río en dirección á desembocadura, estas son as súas coordenadas:
- UTM: 29 T 529023 4698326
- XEOGRÁFICAS: 42° 26′ 14″/ -8° 38′ 49″