skip to Main Content

Sendeiro Azul Ruta das Praias – Marín

Sendeiro Azul Ruta Das Praias Marin 11

Este novo roteiro por Terras de Pontevedra ofrece a posibilidade de coñecer de primeira man as cinco praias máis espectaculares de Marín, todas elas contan cos distintivos Bandeira Azul e EMAS (Marín foi o primeiro concello de Galicia en facerse co segundo deles en recoñecemento ao correcto cumprimento das máximas esixencias derivadas da lexislación ambiental dentro das súas praias). Pero ademais, este roteiro ofrece a posibilidade de visitar un interesantísimo xacemento arqueolóxico e de desfrutar de dunhas fantásticas vistas panorámicas e da observación ornitolóxica, imos aló!

O roteiro parte desde o aparcamento que se atopa ao comezo da baixada á praia de Portocelo, despois da Residencia Loxística da Armada de Suboficiais “Contramestre García Romeral” da Escola Naval Militar de Marín, un lugar no que poderemos estacionar o noso vehículo con facilidade e que conta cun par de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, que poderán gozar de boa parte do percorrido por mor da súa accesibilidade.

Transitaremos por un camiño de terra acondicionado que discorre paralelo á estrada, deixando o mar á nosa dereita. Pronto chegaremos ao primeiro dos 5 areais, Portocelo, unha praia moi acolledora e recollida, ideal para gozar con nenos debido ás comodidades que ofrece. Chegando ao final da praia, o camiño sepárase da estrada e achégase un pouquiño máis se cabe ao mar. A pouca distancia atoparémonos cun bonito e cómodo miradoiro de madeira que permitiranos gozar dunhas fermosas vistas panorámicas sobre a ría.

Sendeiro Azul Ruta Das Praias Marin 21
Sendeiro Azul Ruta Das Praias Marin 19
Sendeiro Azul Ruta Das Praias Marin 18
Sendeiro Azul Ruta Das Praias Marin 16

Case sen darnos conta chegaremos á segunda das praias, Mogor, un areal duns 400 metros de longo con forma de cuncha e augas cristalinas que queda tamén a resgardo das correntes e ventos da ría. As ramplas de madeira alí instaladas facilitan o acceso ao areal ás persoas con mobilidade reducida. A proximidade do arboledo con respecto á praia fai que se podan atopar varias zonas de sombra ao longo da mesma na súa parte máis alta.

A escasos metros da praia deterémonos a visitar os famosos petróglifos e o centro de interpretación asociado que alí se sitúan, e que forman parte do Patrimonio Cultural Europeo a través da súa incorporación ao Itinerario Cultural Europeo, CARP, Camiños de Arte Rupestre Prehistórica, unha asociación amparada polo Consello de Europa que agrupa aos grandes destinos turísticos prehistóricos do vello continente. De entre todos eles destaca sen dúbida o coñecido como “Labirinto de Mogor”, un motivo bastante atípico do que apenas se coñecen uns poucos exemplos na iconografía da arte rupestre galega. Fóra da tempada estival, será preciso concertar cita a través do número de teléfono 647368939 ou ben por correo electrónico a través do enderezo petroglifos.mogor@gmail.com se se desexa visitar o centro de interpretación.

Retomamos o camiño en dirección cara a Aguete, unha longa praia de finas areas que ofrece tamén moitos lugares de sombra baixo as polas das árbores que se asoman ao areal. Seguindo o camiño marcado, e case chegando ao final da estrada, chegaremos a unha intersección na que os sinais nos indican que debemos tomar a dirección da esquerda, con todo, paga a pena desviarnos uns metros cara á dereita e achegarnos ata o porto do lugar, detrás do mesmo háxase unha gran roca a modo de illote coñecida como “O Chirleu” onde non será complicado localizar diferentes especies de aves acuáticas como garzas, corvos mariños ou gaivotas descansando ou secando as súas plumaxes tras a atarefada xornada de pesca.

De regreso ao cruzamento, tomaremos a dirección indicada, e a escasos 150 metros colleremos un desvío en pendente e en forma de cóbado que nos atoparemos á nosa dereita. O empinado dalgunhas ramplas, unido á presenza de escaleiras na súa parte final complican a accesibilidade deste tramo facéndoo pouco accesible para persoas con mobilidade reducida. Tras camiñar durante uns 400 metros chegaremos á praia de Loira, cuxa duna con forma de brazo queda enmarcada entre o mar e o río co que comparte nome e que alí desemboca.

O roteiro continúa percorrendo o pequeno paseo marítimo, e case chegando ao final do mesmo atoparemos un desvío que nos aparta do asfalto a través dun camiño de terra que bordea o Monte Sobareiro en primeiro termo e o Monte Coba despois. Durante este treito non accesible a persoas con mobilidade reducida gozaremos das vistas que nos ofrecen varios miradoiros naturais equipados con sobrios bancos de granito.

Abandonando os cantís e meténdonos un pouco cara ao interior, o camiño chegará a unha intersección nunha zona de eucaliptal xusto á altura dunha vivenda cercada por un robusto muro de pedra. Tomaremos o camiño que sobe, o da esquerda, e poucos metros despois, nunha nova bifurcación obraremos do mesmo xeito.

Continuando a dirección marcada pola senda pronto desembocaremos nunha estrada entre vivendas no lugar de Tioira. Desde aquí seguiremos atentos as indicacións que nos dirixirán ata o noso destino final na Praia do Santo, onde o protagonismo paisaxístico lévao o pequeno illote ao que se pode acceder coa baixamar.

A illa do Santo está cargada de historia, conservando na súa parte sur vestixios do que foi un asentamento humano da Idade do Ferro, mentres que na súa parte norte os vestixios fálannos dun conxunto medieval vinculado á advocación do Santo do mar, San Clemente e onde hoxe en día aínda son visibles os restos abandonados dunha ermida reconstruída no século XVIII.

Aquí termina o roteiro. Para regresar ao punto de inicio dispoñeremos de dúas opcións, desfacer o camiño andado ou volver pola estrada xeral, xa que na práctica totalidade do percorrido (e fóra dun pequeno tramo duns 100 metros) dispón de beirarrúas e camiños para que os peóns camiñen de forma segura, un camiño que non ten perda xa que discorre pegado á estrada en todo momento.

“Bonus track”

Sexa cal for a opción elixida para o regreso, chegados a Loira ben paga a pena achegarse a ver o muíño de Vilas. Unha construción de máis de 200 anos de antigüidade (ano 1808) de propiedade particular e que aínda hoxe en día mantense en pleno funcionamento.

O acceso realízase desde a estrada xeral baixando cara á praia (se decidimos facer o roteiro circular) ou ben subindo desde a praia cara á estrada xeral (no caso de ter optado pola opción de ida e volta), estas son as coordenadas exactas:

  • UTM: 29 T 521565 4690257
  • XEOGRÁFICAS: 42° 21′ 51″/ -8° 44′ 17″

Comentar tamén que a 4 quilómetros da Praia do Santo atópase o banco de Pastoriza, un miradoiro verdadeiramente espectacular sobre a Ría de Pontevedra. Aínda que se pode subir a pé desde a mesma praia a través de estradas secundarias e algunha pista forestal (1 hora e cuarto aproximadamente), recomendamos facelo en coche (10 minutos), xa que o camiño tende sempre cara arriba e faise realmente duro. Estas son as coordenadas exactas do lugar:

  • UTM: 29 T 522698 4687809
  • XEOGRÁFICAS: 42° 20′ 31″/ -8° 43′ 27″
Direccion
Dirección
Punto de inicio e final: Aparcamento ao inicio da baixada á praia de Portocelo, despois da Residencia Loxística da Armada de Suboficiais “Contramestre García Romeral” da Escola Naval Militar de Marín.
Coordenadas
Punto de inicio e final:
UTM: 29 T 523845 4693460
XEOGRÁFICAS: 42° 23' 35"/ -8° 42' 37"
Acceso
Acceso
Tipo: Circular ou Ida e volta.
Distancia: 8,5 km.
Info Util
Info útil
Dificultade: Baixa
Tempo estimado (I/V): 5 horas
Accesibilidade: Accesible en parte
Desnivel máximo: 87 m
Época recomendada: Verán - Todo o ano
Recomendacións: Calzado cómodo

Usa a nosa xeoguía

Introduza a dirección do punto de partida indicando rúa, cidade e estado. Exemplo: Gran Vía 7, Madrid, España. Se o nome da súa rúa non é recoñecido polo sistema poña o código postal de orixe en lugar da dirección da rúa.

Back To Top