De sábado a martes, dende o século XVIII, durante todo o día as madamas e os galáns de Cobres con atuendos moi rechamantes percorren os distintos lugares das parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán, acompañados por unha charanga, agasallando aos presentes coa popular Danza dos Cobres.
En Cobres, mulleres e homes, engalados de branco con cintas e sombreiros, e aldeáns representan distintas posicións económicas e roles sociais, tanto mediante as súas vestimentas como pola posición que ocupan nos pases, bailes e exhibicións. As Madamas e os galáns, moi rechamantes polos seus suntuosos sombreiros e a súa pulcra vestimenta, ocupan a posición social máis elevada, mentres que os aldeáns representan o último elo da cadea e o grupo maioritario. Todos, iso si, van neste Entroido a cara descuberta.
O día grande é o martes de entroido, cando pola tarde teñen lugar antigos xogos populares, como o da “corrida do galo” –con rituais cargados de simbolismo–, o “galo no río” ou o “galo na vara”, nos que participa toda a mocidade do lugar.