O esplendor medieval de Pontevedra revívese na festa da Feira Franca, que ten lugar todos os anos na primeira fin de semana de setembro. Esta festividade ten a súa orixe no privilexio que o rei Henrique IV concedeu á cidade no ano 1467, cando autorizou a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, a festividade de San Bartolomeu.
A concesión da Feira Franca coincide cun período de puxanza económica da cidade, que se prolonga até as décadas finais do s. XVI. Naquel entón a pesca e o comercio eran os dous piares do desenvolvemento económico de Pontevedra, daquela a vila máis poboada de Galicia.
A manifestación artística máis sobranceira daquela etapa de esplendor é a Basílica de Santa María, que impulsada pola poderosa Confraría do Corpo Santo, construíuse ao longo do s. XVI.
Durante a fin de semana que dura a festividade, a cidade enteira engalánase con roupas medievais; rúas e persoas vístense do medievo para revivir a Pontevedra de 1467. O casco antigo da cidade -recentemente nomeado conxunto histórico-artístico- acolle a propios e estraños nas súas rúas empedradas, onde a enorme oferta de actividades (mostra dos oficios da época, degustación de alimentos medievais, espectáculos de xustas, música medieval, actuacións) é garantía para a diversión.