A Igrexa de Santa María de Augasantas posúe unha elegante cúpula de estilo tardío e unha interesante imaxe plateresca da Virxe das Dores. Encóntrase rodeada dun núcleo de casas de pedra antigas e dende a súa contorna ofrécese unha ampla vista sobre o val.
Aínda que foi iniciada no s. XVI, o groso da construción pertence ao s. XVIII, tal como se indica na portada, que ten un arco de medio punto, remarcado de molduras, e lenda decorada con data de 1733. É destacable o seu Cimborrio, con pilastras nos ángulos, que rematan en gárgolas con rostro humano, e sobre elas, o pináculo, e a cúpula sostida por catro volutas.
A súa orixe vincúlase cunha lenda. Conta a tradición, que na Idade Media un domingo unha cega do lugar das Boliñas ía a misa acompañada dun familiar, e ao pasar ao lado dunha fonte, ao pé da casa, lavouse. Ao pasar a auga polos ollos recuperou a vista, e tras o milagre, impulsada por un presentimento, encontrou unha imaxe da Virxe entre a maleza. Despois de correrse a voz, os frades do veciño convento de Tenorio promoveron a construción dun novo templo, e comprometéronse a ir a dar a misa.