skip to Main Content

Desde O Pelete hasta o Marco do Vento e Portalén – A Lama

A Lama 21

Maxia, natureza e tradición únense neste espectacular roteiro que nos levará desde a aldea de O Pelete (A Lama) ata a mesma cume do monte do Seixo, en pleno corazón da serra do Cando, un espazo natural incluído dentro da Rede Natura 2000 e catalogado como LIC (Lugar de interese comunitario).

Preside a praza do pobo un sinxelo templo de formas limpas erixido a mediados do século XIX para honrar á Virxe dos Remedios, patroa do lugar. Á súa esquerda, un moderno cruceiro serve de homenaxe e recordo ás moitas xentes que tiveron que emigrar sen poder realizar o camiño de regreso ao seu lugar de orixe. Sen afastarnos moito, paga a pena tamén visitar o peto de ánimas que se atopa na parte traseira do edificio situado fronte á capela, un bonito relevo en pedra coa imaxe de San Antonio, santo casamenteiro.

A Lama 01
A Lama 02
A Lama 04
A Lama 05
A Lama 07

Antes de emprender a marcha cara á serra, non podemos deixar de visitar o monumental carballo que se atopa xusto detrás da capela. Esta árbore de máis de 16 metros de altura chama poderosamente a atención debido á extraordinaria anchura do seu tronco, que supera os 7 metros de perímetro. Semellantes dimensións, unidas a unha idade aproximada de máis de 500 anos valéronlle para a súa inclusión no “Catálogo galego de árbores senlleiras”. Pero esta árbore ten máis historia…

Cada 7 de setembro celébrase no Pelete unha festa dedicada ao viño coincidindo coa festividade de Virxe dos Remedios. Di a lenda que hai moitos anos, o fillo dun arriero que pasaba pola localidade cun bo cargamento de viño do ribeiro sufriu un contratempo ao ser couceado por unha das súas mulas. Correu o pai para pedir auxilio á Virxe dos Remedios, e esta intercedeu polo mozo curando todas as súas feridas. Como mostra de agradecemento, aquel home prometeu volver todos os anos para levarlle á Virxe unha cuba do seu mellor viño, ofrecendo o primeiro grolo ao vello carballo baixo o que se acubillou o ferido antes de sandar. Lembrando estes feitos, desde mediados do silgo XVII, durante as festas de setembro, e despois de ser bendicida polo párroco, é costume que as autoridades procedan a regar o carballo cunha xerra de bo viño do ribeiro, operación que repiten o resto de festeiros, procedendo do mesmo xeito á vez que bailan ao redor do seu maxestoso tronco, dando comezo desta maneira aos festexos no campo da festa.

A Lama 09
A Lama 10
A Lama 12
A Lama 13
A Lama 14
A Lama 15

Seguindo o noso plan de ruta, abandonamos O Pelete deixando a capela ás nosas costas e cruzamos a estrada para emprender o camiño que nos levará ao Marco do Vento e Portalén, un enclave enigmático, máxico e sorprendente…, un lugar que serviu de inspiración ao coñecido novelista de orixe pontevedresa Manuel Loureiro á hora de escribir a última das súas novelas, “A porta”.

A pouco de iniciar a marcha, poderemos observar á dereita do camiño os restos do que foi un antigo hórreo de tres pés, pero que co paso do tempo perdeu a súa cuberta e paredes laterais, probablemente de madeira. Deixando o cemiterio á nosa esquerda seguiremos o camiño, tomado a poucos metros un desvío á dereita (xusto antes de chegar de novo á estrada que cruzamos ao abandonar O Pelete). Trátase dunha pista con tramos de terra e asfalto bastante deteriorado que xa non abandonaremos ata chegar ao noso ansiado e mítico destino.

Este tramo inicial do roteiro é sen dúbida a parte máis dura do percorrido, con ramplas de fortes pendentes que desaparecerán pasado o terceiro quilómetro. Durante este treito cruzaremos un par de pasos canadenses que evitan que o gando poida saír dos seus lugares de pasto, se a sorte acompaña, e a medida que ascendemos, non será difícil atoparnos con algunha que outra manda de garranos ou mesmo algunha que outra vacada. As matas de toxos, os grandes bolos de pedra granítica fragmentados pola erosión, e unha multitude de regatos que percorren como veas o corpo da momntaña, configuran a paisaxe que nos acompaña durante o ascenso.

Chegados á primeira liña de muíños o camiño suavízase e a pendente desaparece. Un piñeiral dános a benvida e acompáñanos durante un tempo no noso roteiro. Ao longo dun pequeno treito a pendente invírtese e baixa, pero pronto o camiño vólvese de novo ascendente, así ata chegar ao segundo campo eólico do parque, en cuxo corazón, e estratexicamente situada, háxase a pequena capela de Santa Mariña.

Para continuar o roteiro cara a Portalén o camiño continúa collendo o primeiro desvío á dereita antes de chegar á capela, con todo, antes de prosegiir por este camiño desviarémonos uns metros para tomar o sentido contrario, bordeando a área recreativa. Chegados ao primeiro muíño que atopamos no camiño, poderemos gozar dunhas impresionantes vistas panorámicas que nos permiten ver, de lonxe, as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, paga verdadeiramente a pena.

Retomando o obxectivo inicial retornamos ao cruzamento que antecede á capela e tomamos o desvío ascendente a man dereita. Tras un pequeno tramo de apenas un quilómetro de distancia chegaremos ao ancestral destino, a porta do máis aló, Portalén ou Porta do Alén, a porta que comunica o mundo dos vivos co dos mortos…, un lugar cargado de maxia e de tradición, unha porta pola que se pon o sol no solsticio invernal, un enclave enigmático ao que aínda seguen acudindo moitas persoas para depositar ofrendas en forma de flores, candeas ou alimentos, como as que vimos na nosa visita, poucos días despois da festa do Samaín.

Pero non acaban aquí todas as sorpresas, como un vixía, e a escasos metros de Portalén atópase o Marco do Vento, un maxestoso menhir de máis de 6 metros de altura e orixe discutido que non deixa indiferente a ninguén. Neste sentido, son moitos os arqueólogos que afirman que se trata dun dos megalitos máis grandes do continente europeo…

Se aínda nos restan forzas e o ánimo acompáñanos, seguindo o camiño chegaremos á Cruz do Seixo, outro lugar de culto de orixe milenaria cristianizada posteriormente e presidido por unha cruz de granito e un altar de pedra. A altitude do lugar roza xa os 1000 metros.

É o punto final do roteiro, para finalizar o percorrido será necesario volver sobre os nosos pasos nun descenso practicamente continuo ata regresar ao Pelete.

A Lama 22
A Lama 23
A Lama 24
A Lama 25

“Bonus track”

A pouco máis dun quilómetro de O Pelete e a escasa distancia do pobo co que comparte nome, atópase a fervenza da Fírveda, un impoñente salto de auga de máis de 15 metros de altura encaixado entre grandes bloques de granito que paga a pena visitar, natureza en estado puro

Camiño da Fírveda e pegado á estrada, háxase tamén a uns 300 metros do Pelete unha pequena ponte dun só ollo escondida pola vexetación de ribeira. Trátase da pintoresca ponte do Muíño do Val que cruza o regato de Porto do Río. De fácil acceso se optamos por baixar camiñando cara á fervenza, pero non tanto se a decisión é a de facer este tramo en coche, xa neste sitio apenas hai espazo para aparcar.

  • UTM: 29 T 550637 4698464
  • GEOGRÁFICAS: 42° 26′ 12″/ -8° 23′ 3″

Chegados ao lugar da Fírveda dirixirémonos á praza do pobo onde atoparemos unha fonte, un peto de ánimas, e unha pequeña capela, desde alí parte a corredoira que permite acceder á fervenza. No súa parte baixa aínda se conservan os restos dun par de muíños empregados outrora polos veciños do lugar para a moenda dos seus cultivos.

  • UTM: 29 T 551374 4698749
  • GEOGRÁFICAS: 42° 26′ 21″/ -8° 22′ 31″
Direccion
Dirección
Punto de inicio: Capela dos Remedios (O Pelete)
Punto final: Cruz do Seixo
Coordenadas
Punto de inicio:
UTM: 29 T 550456 4698306
XEOGRÁFICAS: 42° 26' 07"/ -8° 23' 11"

Punto final:
UTM: 29 T 550930 4702747
XEOGRÁFICAS: 42° 28' 31" / -8° 22' 49"
Acceso
Acceso
Tipo: Ida e volta.
Distancia: 17 km (ida e volta).
Info Util
Info útil
Dificultade: Media/Alta
Tempo estimado (I/V): 4 horas 30 minutos
Accesibilidade: non accesible
Desnivel máximo: 399 m
Época recomendada: Todo o ano
Recomendacións: Calzado de montaña

Usa a nosa xeoguía

Introduza a dirección do punto de partida indicando rúa, cidade e estado. Exemplo: Gran Vía 7, Madrid, España. Se o nome da súa rúa non é recoñecido polo sistema poña o código postal de orixe en lugar da dirección da rúa.

Back To Top