Camiño Portugués
O culto xacobeo e a peregrinación a Compostela permitiron o intercambio cultural, económico e de pensamento na Europa medieval. En torno aos camiños xorden edificios para o culto vinculados a este fenómeno. A comarca de Pontevedra non queda allea á influencia xacobea. O Camiño Portugués segue o trazado da antiga Vía Romana XIX, construída en tempos de Augusto (século I), e caracterízase pola grande riqueza monumental e patrimonial. Atravesa as Terras de Pontevedra de sur a norte, seguindo unha foxa de orixe tectónico coñecida como Depresión Meridiana.
O Camiño Portugués fai a súa entrada nas Terras de Pontevedra no tramo Redondela – Pontevedra, que parte de Redondela pasando por Arcade, para continuar até a cidade histórica de Pontesampaio. Logo de atravesar a vella ‘pontella’ de A Ponte Nova sobre o río Ulló, a peregrinase continúa pola Vrea Vella da Canicouva, antiquísimo camiño empedrado. A encrucillada que presidía o cruceiro de Cacheiro conduce aos restos dunha casa de postas. O Camiño lévanos até Santa Marta de Gandarón, logo de deixar atrás os lugares de Bergonde, Boullosa, Alcouce e Bértola, no municipio de Vilaboa. Tres quilómetros máis adiante, camiñando por asfalto, chégase á cidade de Pontevedra, onde a influencia do camiño deixa unha profunda pegada.
Pontevedra recibe ao peregrino polo camiño de Gorgullón, Virxe do Camiño, Sagasta e Glorieta de Compostela, desde onde a rota continúa pola rúa Peregrina até chegar ao santuario da Virxe Peregrina (s. XVIII), parada indiscutíbel para os devotos peregrinos. O edificio é obra do arquitecto Arturo Souto, e a súa maior particularidade redunda na planta, en forma de concha de vieira.
O Camiño continúa polo casco histórico da cidade a través da Ferraría, fermosa e impresionante praza que debe o seu nome ao traballo da forxa que antigamente se practicaba neste emprazamento. Entre os atractivos desta praza cabe subliñar a igrexa conventual de San Francisco, pertencente ao século XIV e coas características propias do gótico mendicante, os xardíns de Casto Sampedro, e a fermosa Fonte da Ferraría, do século XVI.
A encantadora rúa Soportais continúa o traxecto do peregrino, que logo de pasar a praza do Teucro, continúa pola rúa Real, para saír finalmente da zona vella da cidade e atravesar a emblemática Ponte do Burgo.
Pero antes de saír do casco histórico da cidade aconséllase ao peregrino non abandonar Pontevedra sen visitar o Museo de Pontevedra, conformado por varios edificios, entre os que se atopan as emblemáticas e misteriosas ruínas do convento de San Domingos (s. XIV-XV), referente do gótico galego, situadas preto do santuario da Virxe Peregrina, ao final da rúa Michelena. O museo conta ademais até a actualidade con outros catro edificios históricos con fondos de todo tipo, entre os que cabe subliñar a colección de ourivaría prerromana, as súas salas de pintura e gravados e a sala de acibeches composteláns, considerada como unha das mellores de España. Ademais na actualidade estase a realizar un moderno e sexto edificio no que se teñen postas grandes expectativas.
Tampouco se debe deixar de visitar a basílica de Santa María a Maior, templo patrocinado polo gremio de mareantes de Pontevedra no século XVI, cuxa arquitectura mestura o gótico tardío coas tendencias renacentistas. Entre os numerosos atractivos deste edificio destaca a súa fachada con aspecto de retablo pétreo.
Saímos de Pontevedra para iniciar o tramo Pontevedra – Padrón, que finaliza o seu paso polas Terras de Pontevedra logo de atravesar o municipio de Barro.
O peregrino deixa atrás a cidade de Pontevedra pola rúas de A Santiña, A Gándara e Ferreira. O camiño avanza contornado na súa marxe dereita por un castañal, paralelo á vía do ferrocarril, pasando por Montecabras para chegar, entre piñeiros e eucaliptos, até a igrexa e reitoral de Santa María de Alba. Desde alí continúa até Goxilde, atravesa a capela de San Caetano, os bosques de Reirís e Lombo da Maceira, San Amaro, San Mamede da Portela e Ponte Balbón -con dous cruceiros, un deles xunto á Casa de Amonisa, e outro cuxo fuste Santiago Peregrino indica o Camiño aos seus romeiros.
Atento á sinalización, o peregrino continuará até a capela de Santa Lucía, en Ámela. Convén subliñar neste percorrido un pequeno desvío até a igrexa de San Martiño de Agudelo, en Barro. Construído a comezos do século XIII, o templo é un claro exemplo da extensión da influencia do Mestre Mateo, patente a través das características arquivoltas de medio punto na súa portada, decoradas con temática vexetal, herdeira do Pórtico da Gloria.
Outro interesante desvío que vale a pena se o visitante dispón de tempo conduciríamos até o conxunto de Barosa, no lugar de A Maquieira, onde se pode visitar o magnífico conxunto de 17 muíños tradicionais sobre o río Ameixeira.
O lugar de Tibo dará paso á recta final deste tramo, até a vila de Caldas de Reis, bañada polo ríos Umia e Bermaña.