skip to Main Content

LIC Enseada de San Simón

LIC Enseada De San Simón

Declarado como Lugar de Importancia Comunitaria en 2001, a Enseada de San Simón localízase no fondo da ría de Vigo, na desembocadura do río Verdugo. A este marabilloso paraxe natural pertencen os municipios de Vilaboa e, en menor medida, Pontevedra.

Malia á súa pequena superficie (2.252 hectáreas) representa un gran valor ecolóxico, ao constituír un espazo intermareal con características ben específicas. As chairas areosas que quedan ao descuberto cando baixa a marea deixan á vista unha paisaxe sen igual onde as algas dan lugar a verdadeiras praderías que dotan ao espazo dun gran valor ecolóxico.

Estas peculiares características son as que permiten o crecemento de mariscos bivalvos de diversa índole, entre os que destacan as ostras de renome de Arcade, que se poden degustar nos restaurantes situados a pé de praia.

Tamén importante é a poboación invernante de 3.500 anátidos, así como a presenza de aves limícolas durante os pasos migratorios.

Digna de mención é a Illa de San Simón, espazo insular composto por dúas illas unidas por unha ponte (a de San Simón e a de Santo Antonio, máis pequena). Precisamente este espazo sorpréndenos na súa relación coa historia e a literatura, máxico lugar no que soubo inspirarse o célebre poeta medieval galego-portugués Meendinho nunha das súas cantigas de amigo. A Guerra Civil Española tamén tivo como protagonista este lugar, centro monástico, leprosería e campo de exterminio durante a contenda bélica.

Ligazóns de Interese

TURGALICIA:www.turismo.gal
CONCELLO DE VILABOA: www.vilaboa.org
TURISMO RIAS BAIXAS:turismoriasbaixas.com

Back To Top