Terras de Pontevedra presenta unha nova oferta de arte rupestre dirixida ao turismo familiar
Terras de Pontevedra aposta por potenciar a arte rupestre cunha oferta diferenciadora que se dirixe ao turismo familiar mediante “Petra”, un personaxe de ficción que presentará aos nenos os lugares máis emblemáticos do patrimonio rupestre da mancomunidade.
A Mancomunidade Turística Terras de Pontevedra, mediante o Convenio de Colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia , está a traballar na potenciación do produto de Arte Rupestre buscando captar novos segmentos de mercado coma o Turismo Familiar e desenvolvendo diferentes actividades de promoción e comercialización do turismo na Comarca de Pontevedra.
Unha das claves desta proposta será “Petra”, unha nena artista da Idade do Bronce, quen a través dunha historia introducirá ao mundo da Arte Rupestre, percorrendo os lugares máis emblemáticos deste produto estrela e diferenciador no destino turístico Terras de Pontevedra.